Posta en marcha do proxecto de mellora do regadía da Limia
Este proxecto suporá a mellora e modernización do regadío desta zona, que comprende unha superficie de 4.105 hectáreas distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios.
O conselleiro do Medio Rural, José González asistiu á sinatura do convenio entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa) e a Comunidade de regantes “Nova Limia” para levar a cabo o proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022, que conta cun orzamento total de 16 millóns de euros (o 80% deste orzamento financiado polo Goberno central e o 20% restante polas comunidades de regantes). Alí, o conselleiro celebrou a posta en marcha desta colaboración para a mellora e modernización deste regadío, que comprende unha superficie de 4.105 hectáreas distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios, ao tempo que recalcou o compromiso da Xunta con esta modernización.
Así, para levar a cabo dito proxecto, a Xunta asumiu a construción e posta a punto dos 40 novos pozos de regadío na Limia, destinando algo máis de seis millóns de euros de fondos propios para ditas obras. De feito, a pasada semana aprobouse a sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Consellería e a Comunidade de regantes “Nova Limia” para dotar a cada un dos 40 novos pozos dos equipos e instalacións necesarias para o seu correcto funcionamento, é dicir, para a súa electrificación e bombeo, no marco das obras de modernización e mellora enerxética dos regadíos da Limia. Un convenio que se asinará en breve.
Estas actuacións son precisas para levar a termo o correcto funcionamento das sondaxes executadas na zona da Limia, unha actuación estratéxica de enorme importancia tanto para o desenvolvemento socioeconómico da zona como para a potenciación do sector agrario desta comarca. Así, as obras de electrificación e bombeo permitirán poñer en marcha os 40 pozos construídos (a razón de seis para a comunidade de San Salvador de Sabucedo, 13 para a de Lamas Ganade, outros 13 para a de Corno do Monte e oito para a de Alta Limia). Desta forma, os agricultores disporán dunha toma de auga próxima aos seus cultivos con caudal mínimo necesario que facilitará os labores de rega e favorecerá un uso máis eficiente da auga.
Así, entre os obxectivos principais a acadar coa modernización dos regadíos da Limia, destacan o aforro e mellora na eficiencia no uso da auga de rega, a regularización dos recursos hídricos da comarca, a introdución de novas técnicas de rega máis eficientes a nivel de parcela, a mellora da renda agraria e o desenvolvemento da comarca, posibilitar unha agricultura sostible e respectuosa co medio, a mellora da calidade de vida dos agricultores reducindo as horas de traballo que se dedican á rega e un importante aforro enerxético.
Investimento na Limia
Na mellora dos regadíos da Limia cómpre destacar todo o realizado ata o de agora, tras intensas negociacións da Xunta co Goberno central. Así, grazas á colaboración institucional liderada polo Goberno galego, ademais da construción dos 40 pozos e da súa posta en marcha, cabe salientar os fondos que se destinarán á limpeza das canles
e dos camiños paralelos a elas, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas para evitar e reducir a afectación ambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá. Tamén cómpre subliñar o propio proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo Executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation.
Así mesmo, tamén está o Plan extraordinario de reparación de camiños desta comarca, con fondos propios da Xunta. A través deste programa, reparáronse diversos camiños repartidos en 12 concellos, que son utilizados polos agricultores e gandeiros locais, e que supoñen un arranxo de 64,18 quilómetros.