Pontón quere estender o modelo BNG a todos os concellos da comarca de Celanova-A Limia
O BNG porá o foco en darlle vida ao medio rural, en fixar poboación e en evitar os lumes, o principal problema ambiental da provincia de Ourense.
A líder nacionalista cualificou a zona como “unha comarca que ten un potencial enorme, pero é unha comarca que perde poboación, pulso económico e dinamismo social”. Hai que darlle a volta a doce anos de retroceso no rural pola falta de ambición e de propostas do PP”, declarou Pontón.
Para conseguilo, os candidatos e candidatas do BNG nos concellos da comarca de Celanova-A Limia amosaron propostas para darlle vida ao medio rural, clave para evitar o abandono e fixar poboación, e tamén para evitar o principal problema ambiental na provincia de Ourense: os lumes.
“Tedes fronte a vós a un grupo de xente que estou segura que porá en valor o rico patrimonio de Ourense, porque aproveitar esa riqueza é crear emprego, é dinamizar o sector do turismo, é fomentar o comercio local e é revitalizar socialmente a a zona”, indicou a portavoz nacional.
Pontón explicou tamén como “unha comarca coma esta só precisa do proxecto, ideas, ganas e ilusión do BNG para construír un futuro mellor en Gomesende, Cartelle, Ramirás, A Merca, Verea, A Bola e en Celanova”. Con respecto disto, puxo de exemplo o modelo municipal de éxito nos concellos nos que goberna o BNG como Allariz, Carballo ou Pontevedra, definíndoos como “gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, e con capacidade de transformar en positivo mellorando sempre a vida das persoas”.
Amosouse convencida de que o BNG conseguirá un resultado histórico nas eleccións do 28 de maio, “porque hoxe son maioría os veciños e as veciñas que queren abrir un tempo novo da man do Bloque”. “Sei que todos os candidatos e candidatas desta comarca sairán a por todas, coa máxima ambición e sen poñerse límites para conseguir que todos e cada un dos concellos da comarca de Celanova-A Limia avancen”, concluíu.
Vivenda asequible
Pontón salientou o contexto de crise de prezos no que se desenvolve a campaña e criticou a un Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, de feito, fixo referencia ao último anuncio de Rueda, “dicindo, sen poñerse colorado, que durante catorce anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía”, denunciou.
Por contra, o BNG “ é perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder unha vivenda”, e quixo lembrarse, en especial, “da xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer e as familias que ven como os alugueres subiron un 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos”, declarou.
Fronte “un PP cruzado de brazos” está unha realidade de 175.000 galegos e galegas “que teñen unha hipoteca e que soportan subidas de 300/400 euros ao mes”, criticou a líder do Bloque, que puxo en valor a un BNG con propostas como o plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, ademais de anunciar que o Bloque “seguirá presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise. Alternativas en clave de país e a favor da maioría social”, argumentou.
Sanidade pública digna
Tamén fixo referencia a unha sanidade pública que está contra as cordas tras catorce anos de recortes, e fronte a un PP convertido nun “terminator” da sanidade o BNG propón un novo modelo de atención primaria con máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.
Pontón concluíu a súa intervención subliñando que o BNG será a forza política que máis suba o 28M, “multiplicando a nosa representación ao longo e ancho do País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros, avanzando no reto de darlle a Galiza un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.