Plan de choque para o control de roedores
O Concello de Ourense realizará actuación de choque no Parque de San Lázaro e as súas inmediacións para o control da poboación de roedores.
O plan de choque continuará durante todo o mes de setembro ampliando a súa zona de actuación a todo o municipio. Estes traballos forman parte dos que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano para controlar a poboación de roedores, e que alternan fases de mantemento con fases de choque. Esta é a terceira fase de choque do presente ano 2021.
As poboacións de roedores (ratas e ratos) están instaladas na maioría dos municipios, frecuentando a rede de sumidoiros pública, zonas verdes, parques e xardíns, estanques e fontes, solares, marxes de arroios e ríos, zonas abandonadas, etc., por ser aquelas que reúnen as condicións necesarias para o seu asentamento. A imposibilidade de erradicar por completo esta praga fai necesario realizar periodicamente traballos encamiñados ao control da poboación de ratas buscando a mellora do benestar dos residentes urbanos, a redución das enfermidades transmisibles e o mantemento de ambientes sans.
O Concello de Ourense externalizou os traballos de desratización. A empresa AGRONERGA, S.L. é a adxudicataria do servizo que ten por obxecto o control das poboacións de roedores manténdoas a niveis que non afecten á saúde pública nas zonas de responsabilidade municipal dentro do termo municipal de Ourense (zona urbana e rural), actuando preferentemente sobre a rede de sumidoiros e aquelas zonas nas que se detecte actividade.
Cambios na normativa
A actualización do Regulamento (CE) nº 1272/2008 sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas químicas e o programa de revisión de substancias activas biocidas, creado pola Comisión Europea baixo a Directiva de Produtos Biocidas e que continúa baixo o actual Regulamento 528/2012 sobre produtos biocidas, xerou numerosos cambios entre os que destacan:
- Prohíbese o cebado PERMANTE, aplicación selectiva, isto significa que o uso dos rodenticidas só debe realizarse cando exista certeza de praga.
- Os produtos non deben utilizarse máis de 35 días sen unha avaliación do estado da infestación e a eficacia do tratamento.
A presenza de ratas a plena luz responde a numerosos factores, entre os que destacan as altas temperaturas (os roedores abandonan os seus tobos en busca de auga e alimento e o frescor e a humidade dos parques), as aplicacións de rodenticidas que tras a súa inxestión xeran nos roedores trastornos e desorientacións que os levan á superficie ou o descenso da actividade humana a causa da COVID (diminución do ruído ambiental, menor tránsito de peóns, baixa intensidade de tráfico, etc).