O PP pide que o Goberno Central derribe o edificio do Centro de Interpretación de Parques Naturais
O que un día ía ser “Centro de Interpretación de Parques Naturais” (comezouse a falar del en 2007 e asinouse o convenio para a súa construción en 2008), hoxe é un adefesio que desde hai 10 anos nos avergoña e degrada unha das entradas á nosa cidade.
Un dos exemplos do feísmo e da nefasta planificación de infraestruturas está ao carón da zona termal da nosa cidade, na zona de Quintela de Canedo.Aquel proxecto estrela dos gobernos local, autonómico e nacional e local -daquela do PSOE-, é hoxe un problema que só se pode solucionar con vontade, cooperación e iniciativa perante as administracións responsables da súa ubicación. As obras comezaran en 2010, quedando paralizadas para sempre en 2011, pois o Plan Hidrolóxico impediu que continuasen.
“Así, o pasado 18 de marzo, en Comisión no Senado, falei co secretario de Estado de Transición Ecolóxica, Hugo Morán, para solicitarlle dúas cousas: que o Ministerio derribe a estrutura e que active as conversas precisas coas restantes administracións para construir alí algo de utilidade para a cidade, e que o permita o actual Plan hidrolóxico”, sinalou Jesús Vázquez. “O secretario de Estado confirmoume que a intención do Ministerio é demoler dita estructura, pois é imposible que se lle poida dar o uso para o que fora deseñada, e aceptou de bo grado a miña proposta de construir no seu lugar algo de utilidade para a cidade”.
“Por iso, desde o PP da cidade consideramos que é o momento de seguir a traballar na liña da cooperación institucional, motivo polo que decidimos presentar unha moción, totalmente construtiva e en positivo, para eliminar por fin ese adefesio e mirar cara adiante cun novo proxecto que ilusione”, explica Jesús Vázquez.
A moción que presenta o Grupo Municipal do PP ten dous acordos fundamentais:
1.- Que o Concello de Ourense inicie os trámites necesarios co Ministerio de Transición Ecolóxica para axilizar o derrubamento do edificio ruinoso do fallido “centro de interpretación de parques naturais”. É dicir, que non quede nunha mera declaracións de intencións, senón que se convirta nun feito.
2.- Que o Concello de Ourense estableza a cooperación necesaria co Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta de Galicia para artellar unha unha actuación adecuada á zona e permitida no actual plan hidrolóxico, toda vez que o fallido “centro de interpretación de parques naturais”, a medio construir en Quintela de Canedo en pleno espazo termal, supón un elemento de degradación e feísmo no entorno termal desde hai máis de 10 anos.