Premio

A Ourensana Alicia Otero premiada no programa Xuventude Crea da Xunta

O programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento musical das mozas e mozos finalistas da categoría de música. A ourensá Alicia Otero foi o primeiro clasificado coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán.

Óscar Gómez

Ourense | 29.11.2021 11:42

A Ourensana Alicia Otero premiada no programa Xuventude Crea da Xunta | onda cero

O programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento musical das mozas e mozos finalistas da categoría de música. A ourensá Alicia Otero foi o primeiro clasificado coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de entregar os premios aos gañadores durante a final, que tivo lugar onte no Playa Club da Coruña. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 3000 euros; 1500 euros o segundo; e 1000 euros os terceiros clasificados.

Nesta especialidade de Xuventude Crea presentáronse un total de 19 solicitudes nas que están involucrados 36 mozas e mozos entre grupos e solistas. Finalmente, foron tres grupos e tres solistas os que chegaron á última fase.

O segundo premio foi para Ana & Marián (de Noia e Outes), cos temas Faros e Canto ao mar; e o terceiro para Karma Animal (Vigo), con Fénix e Marfil. Os autores das obras gañadoras tiveron que competir co resto de finalistas, entre os que se atopaban Burgas Vandal (Ourense), cos temas Inimigo e Purgatorio; Tiam Gz (Chantada), coas pezas Males endémicos e Muinhei-rap de Chantada; e Galboir (Arzúa), cos temas Noite eterna e Case todo ben.

Premiados en videocreación, creación de videoxogos e teatro

Xa se coñeceron os gañadores nas categorías de videocreación, creación de videoxogos, teatro, artes plásticas e fotografía, graffiti, poesía, novela curta e cociña. Na modalidade de videocreación, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta.

Ademais, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros. O segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, realizado por Iván Fernández e Luis D. Lobo, de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, de Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.

Na modalidade de teatro, o gañador foi o grupo de Santiago Mevadeus, coa obra Agro 5g. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.

Vencedores en artes plásticas e fotografía

María Gar, de Pontevedra, coa súa creación titulada Fragmentos de una erosión; e Andrés Seara, de Ourense, por Spectra, foron os gañadores nas categorías de artes plásticas e fotografía, respectivamente.

Así mesmo, en artes plásticas quedou segundo clasificado o vigués Oliver Alfonso Fernández, por We are all alike; e o terceiro posto foi compartido por Alejandro Vázquez Tomé, tamén de Vigo, por Quería mandarte flores e Alejandro Reiriz Pouseu, de Bueu, por Galicia esperta e herbas ledas.

No caso da modalidade de fotografía, compartiron o segundo premio o lugués Adrián Vazquez Rodríguez, autor de Diversas, e a viguesa Rocío Campoy Lage, por Berros. Tamén foi compartido o terceiro premio por Claudia Valentina Feijoo Díaz, de Sada, con Mares doutros, e o coruñés Hadrián Márquez pola súa creación denominada Pare. Así mesmo, o xurado outorgou unha mención de honra para David García Villaverde, da Coruña, por O patio do monxe.

Gañadores en graffiti, poesí e novela curta

Pola súa banda, o artista ‘Honey’, de Baiona, venceu na especialidade de graffiti coa súa creación titulada Bo Camiño. Segundo quedou ‘Ares’, de Tui, con As dúas en punto; e o terceiro posto foi para ‘Seek’, tamén natural de Baiona, pola súa peza Galaxia animal. Nesta modalidade concedeuse unha mención de honra á artista ‘Maldita’, de Ribadavia, pola súa creación titulada 37 min.

Na modalidade de poesía, o xurado recoñeceu a profundidade filosófica, a modernidade e o manexo dos recursos literarios que fai Brais Lamela na obra que presentou a concurso: A linguaxe dos outros. En segundo lugar quedou Judith Ruso Pereiro, de Negreira, con Hábitat hostil; e a terceira clasificada foi a santiaguesa Navia Rivas Castro con Aprender a respirar.

Na categoría de novela curta, Alba Guzmán Falcón, de Ourense, fíxose co primeiro premio por Xoaniña de deus. Entre os trece escritos que se presentaron, quedou en segunda posición o do mozo de Santiago Adrián Noia Vázquez, coa obra O país dos raposos. O terceiro lugar foi para Aarón Barreira Diz, de Culleredo, por Indicios esferoides.

Cociña e danza moderna

En cociña, a santiaguesa Francesca De Nigris, resultou a primeira clasificada co prato Tartaleta de castañas con cremoso queixo San Simón e coulis de pera e mostaza. En segunda posición quedou o equipo formado por Andrea Maseda Prado e Miguel Morán Gueimonde, de Cospeito, con Nube de albaca e xeado de tomate de Carmen, sobre sopa fría de queixo do Cebreiro; e o terceiro lugar foi compartido polos lucenses Michael Cebral López e Pablo Torreira Pardo, que confeccionaron a receita Esencia de fraga; e Ainhoa Martínez Álvarez, da Pobra de Trives, co seu prato Entroidallo.

Cargando...