Máis de 209.000 estudantes comezarán as clases na Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Así o avanzou hoxe o conselleiro, Román Rodríguez, nunha visita aos colexios CEIP Plurilingüe San Bartolomé e de CEIP de San Roque, na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa.
Éxito da FP galega
As cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en Secundaria. Ademais, aínda e posible matricularse nos ciclos formativos que contan con prazas libres.
Malia a provisionalidade dos datos, segundo as estimacións da Consellería, en ESO e Bacharelato apenas se producen variacións, con cambios focalizados nos últimos cursos. Ademais, prodúcese un incremento moi considerable de alumnos na FP galega, con preto de 3.000 alumnos máis. Deste xeito, o número total de alumnos nestas ensinanzas elevaríase a arredor de 60.500.
Neste sentido, cómpre salientar o crecemento ao abeiro dos novos másteres de FP, que superan os 600 matriculados, cubrindo as 540 prazas de nova creación este ano. Así mesmo, a FP Dual superará os 2.000 matriculados, en máis de 160 proxectos.
ESO
Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 94.187 alumnos comezarán o curso en ESO, o que supón 448 menos ca no curso 2020/21.
Bacharelato ordinario
Por outra banda, os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería indican que 33.002 alumnos e alumnas comezarán o mércores as clases de Bacharelato ordinario en Galicia, o que supón 128 máis ca no curso 2020/2021.
Ensinanzas artísticas e deportivas
Pola súa banda, o número total de estudantes nas ensinanzas artísticas acada este curso os 10.155, 172 menos ca no curso anterior. En concreto, nas ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería, o número de alumnos será de 8.004, 163 menos ca no ano académico 2020/21.
No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 341, sete menos ca no curso 2020/21; mentres que nas de arte dramática haberá 183 alumnas e alumnos, 12 máis ca no ano académico anterior.
Pola súa banda, o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño aumenta en 14 alumnos, con 843 estudantes. No caso das ensinanzas artísticas superiores haberá 784 matriculados, 28 menos ca no curso anterior. Finalmente, nas ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é de 637 estudantes acadando os 1.928 alumnos.