Ourense Cidade

A maior concesión de axudas para fomentar a Silvicutura

A provincia de Ourense aglutina o maior importe e superficie, con 3.374 hectáreas por unha contía de axuda de máis de 6,3 millóns de euros

Óscar Gómez

Ourense | 10.09.2020 08:27

silvicultura | onda cero

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de comunicar a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a 546 beneficiarios por un importe de máis de 13,5 millóns de euros.

Esta é a maior axuda pública da Consellería na materia, acadando a maior contía Feader e superficie de concesión da historia destas axudas. Isto amosa a aposta decidida de Medio Rural pola silvicultura activa, adaptativa (e por tanto resiliente) e de proximidade. Deste xeito, a mobilización dos recursos endóxenos consolídase como unha política pública irrenunciable nun contexto de descarbonización, onde o principio de “quilómetro 0” na obtención de recursos naturais sustentables de alto valor engadido basea un dos principais obxectivos acordados polo Pacto Verde no contexto da Unión Europea.

Neste senso, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal notificou electronicamente esta semana a concesión das axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. Cómpre salientar que a concesión de axudas públicas en materia de silvicultura das masas de frondosas supón un salto cualitativo.

Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, Sofor e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, toda vez que aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

Se analizamos os beneficiarios por provincias, na Coruña aprobáronse 51 expedientes para traballar en 505 hectáreas, cun importe de case 900.000 euros; na de Lugo foron 173 expedientes para 2.021 hectáreas, cun importe de 3,6 millóns de euros; na de Ourense foron 183 expedientes para 3.374 hectáreas, cun importe de 6,3 millóns de euros e, finalmente, Pontevedra con 139 expedientes para 1.488 hectáreas e importe de 2,6 millóns de euros.

Estas axudas están bianulizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2021. Deste xeito, a Consellería adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas silvícolas. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas conleva a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.

O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, de prevención, de multifuncionalidade e de posta en valor dos montes co fin de que constitúan o cerne dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por outros 13 millóns de euros, nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos neste ano 2020. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2019 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Cargando...