Lorenzana avoga por unha reactivación económica igualitaria
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, blindou no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa dinamización do mercado de traballo galego cara ao futuro e cos colectivos máis vulnerables
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu no Parlamento de Galicia a situación de vantaxe na que a Xunta está a situar Galicia de cara á reactivación económica tras a pandemia, mediante a aplicación de “medidas de futuro” que están a cimentar unha saíde da crise que ao seu parecer debe ser igualitaria, plural e sólida.
A titular de Emprego e Igualdade apuntou que a Xunta xa está a adoptar medidas preventivas e paliativas para minimizar o impacto da pandemia nas familias galegas, nas mulleres e nos homes e defendeu ademais que o Goberno galego trata de adiantarse aplicando medidas cunha vertente de futuro.
Segundo relatou a conselleira parte da reactivación pasa por un mercado laboral “máis atractivo e dinámico”, algo para o que a Xunta xa traballaba antes da crise da covid-19 e no que agora, nun contexto moito máis delicado, está a poñer máis énfase. Para acadalo, a Xunta está a apostar con firmeza pola formación, polos apoios para manter o emprego e pola xeración de novas oportunidades.
Manter empregos e xerar oportunidades
Lorenzana puxo en valor os esforzos que o Goberno galego está a asumir en materia laboral co obxectivo de manter o maior número de empregos posibles e fomentar novas oportunidades laborais. “As medidas que estamos a implementar xa están a xurdir efecto”, indicou, en relación cos dous plans de rescate que mobilizaron xa 160 millóns de euros, e aos que se engadirá un 3º Plan que se está a deseñar con empresas, sindicatos, persoas traballadoras autónomas e interlocutores sectoriais. Sobre o segundo Plan destacou que xa se aboaron 10 millóns de euros apuntando que o prazo para solicitar as axudas rematou onte mesmo.
Referiuse tamén ás medidas de dinamización do mercado laboral que apoian o emprego autónomo, a economía social, a conciliación e a contratación de persoas con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral: mulleres, mozos e mozas, parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Indicadores laborais
A pesares da incidencia da covid, a conselleira de Emprego e Igualdade quixo subliñar algúns dos indicadores que poñen a Galicia en situación de vantaxe, aínda que apelou á prudencia. Así, apuntou que Galicia, a diferencia do que ocorre no Estado, crea emprego no sector primario e na construción. E que reflicte, ademais, un menor ritmo de caída de ocupados que no resto de España. “Trimestral e anualmente medran os ocupados maiores de 45 anos, un colectivo especialmente vulnerable”, dixo.
“Galicia acaba de baixar o desemprego na evolución trimestral e na anual e pecha 2020 con máis emprego indefinido con respecto a 2019”, describiu Lorenzana. Nun marco contextual máis amplo a cifra de asalariados indefinidos a finais do ano pasado “foi a máis alta nun 4º trimestre dos últimos once anos”, indicou.
“Unha das nosas principais preocupacións son os fogares galegos con todos os seus membros activos no paro, dada a súa intrínseca situación de vulnerabilidade”, continuou, e resaltou que aínda nun contexto como o que estamos a vivir, foron 1.300 fogares galegos menos (2,49% menos) que en 2019.
A taxa de emprego feminino en Galicia supera en case 3 puntos á do conxunto nacional, e, ademais, é a comunidade con maior porcentaxe de mulleres traballadoras autónomas do Estado, cun 40,94%, e tamén a comunidade con maior peso do emprendemento feminino.
“En definitiva, aínda que é innegable que os efectos da covid-19 repercuten directamente no mercado de traballo, Galicia pechou 2020 con máis emprego indefinido e cunha evolución xeral positiva respecto a media nacional en practicamente todos os indicadores”, resumiu a conselleira que quixo destacar ao remate da súa intervención que a acción do Goberno galego a favor da dinamización do mercado laboral “ten un carácter transversal”, canalizado a través de programas que se van renovando ano a ano pola súa demostrada eficacia, así coma por outros que se van creando na procura do vangardismo e a modernización do tecido produtivo.
Afirmou que a creación de emprego será un dos retos que sucederán á crise da covid-19 e incidiu na importancia de desenvolver un mercado de traballo seguro, atractivo e dinámico.