Galicia rexistra a cifra máis baixa de paro nun novembro dende hai 27 anos
Con respecto a outubro, a caída confirma a tendencia favorable dos tres últimos anos, xa que o paro en novembro desde 1996 só baixou en tres ocasións: 2021, 2022 e 2023.
Galicia superou ao Estado na baixada do paro tanto na comparativa anual e mensual, situándose como a terceira comunidade con maior descenso en termos porcentuais con respecto a outubro e a cuarta en comparación co mesmo período de hai un ano. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, sinalou hoxe que os datos publicados de paro rexistrado confirman a tendencia favorable dos tres últimos anos na comparativa mensual, xa que o desemprego con respecto a outubro volveu a caer, ao igual que o fixo en 2021 e 2022. É dicir, o paro baixou en novembro só en tres ocasións desde 1996 e o descenso reflectido neste novembro de 2023 é a o maior desde hai 27 anos cunha baixada porcentual do -1,63%. En 2021 descendeu nun -0,84% e en 2022 nun -0,67%.
O paro, ademais, cae na comparativa anual nun -8,12%, en máis de tres puntos que o Estado (-5,09%), e a cifra de persoas sen traballo, 131.168, é a máis baixa de toda a serie histórica (1996) nun novembro, é dicir, desde hai 27 anos. O paro diminúe con respecto a hai un ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores económicos, liderando a baixada a industria (-12,58%), seguido da construción (-10,82%), da agricultura e a pesca (-8,61%) e dos servizos (-7,87%).
En palabras de Rivo, nos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego que executa a Xunta diminúe o paro: nos menores de 30 anos, nas mulleres e nos parados de longa duración. A cifra de persoas desempregadas menores de 30 anos e de mulleres é a máis baixa nun novembro de toda a serie histórica destes datos (2005). O paro de longa duración, ademais, acada o mellor escenario en 15 anos para este mes de novembro.
En canto ás afiliacións á Seguridade Social, crecen nun 1,52% (+15.958) con respecto a novembro de 2022. Galicia conta con 1.063.566 persoas afiliadas á Seguridade Social cun nivel superior ao reflectido hai 14 anos.
Máis coordinación e fondos suficientes
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade puxo en valor a aposta da Xunta pola calidade e a igualdade no emprego e, así, sinalou que Galicia encabeza o ránking de comunidades autónomas que máis recursos económicos destina á poboación sen emprego e a segunda en número de axudas ao emprego, por detrás de Navarra.
Para seguir neste camiño, Rivo demandou ao Estado nesta nova etapa máis coordinación e fondos suficientes para seguir a desenvolver “medidas reais e específicas” en materia laboral. A titular de Emprego explicou, así mesmo, que na actualidade é preciso seguir centrando os esforzos en dar resposta aos perfís de traballadores que precisan as empresas, incidindo, para iso, na formación da poboación activa. Neste senso, recordou que o Consello da Xunta da semana pasada aprobou un incremento de investimento por enriba do 41% para o Plan de formación para ocupados, o que permitirá con 9,5 millóns de euros cualificar a 20.700 persoas traballadoras.