Termalismo

Galicia aspira a ser potencia termal europea

Alfonso Rueda salienta que o termalismo multiplica a súa potencia cando se une a outros atractivos como o Camiño de Santiago neste Xacobeo e a Ribeira Sacra; e recalca o potencial do AVE para este tipo de turismo

Óscar Gómez

Ourense | 29.09.2022 07:44

Galicia aspira a ser potencia termal europea | onda cero

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que Galicia aspira a aproveitar o seu papel como referente termal europeo para liderar a aposta polo turismo sostible. Na súa intervención no acto de apertura do Congreso Internacional de Termalismo que se celebra en Ourense –coa presenza de 250 participantes e relatores de 22 países—, recalcou que o termalismo encaixa á perfección no modelo turístico non masificado, que é tendencia no presente e o será aínda máis no futuro. “Tras a pandemia os turistas buscan calidade, natureza e experiencias únicas. Nós temos a resposta: termalismo e Galicia”, sinalou Rueda.

O titular do Goberno galego salientou que Galicia dispón do recurso, o elemento máis importante, pero afirmou que é preciso unha aposta estratéxica a todos os niveis para que o termalismo sexa un motor sustentable que xere benestar social e económico.

Así, puxo en valor as actuacións da Xunta no plano legal, coa aprobación da primeira Lei en España para protexer a salubridade das augas; na investigación, co impulso á Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago –que forma parte da organización do Congreso—; no apoio ao tecido produtivo, a través de axudas á creación de emprego e proxectos presentados aos fondos Next Generation, e no capítulo de incentivos, con programas de estancias en balnearios, especialmente fóra da tempada alta.

Na cerimonia de apertura do Congreso, organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais (EHTTA), Rueda fixo fincapé no carácter diferencial do termalismo para Galicia, unha comunidade que xa conta con grandes recursos hídricos. “A auga fai rica a Galicia e o termalismo faina rica e única”, asegurou, ao tempo que subliñou que a Comunidade é o segundo lugar de

Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais –grazas a baluartes como Ourense-, que representa case o 20% da oferta termal de España e que conta cun sector de calidade, como evidencian os 21 balnearios e o liderado nos distintivos Q de calidade turística.

Galicia aspira a ser potencia termal europea | Onda Cero

Ave e Xacobeo

Rueda, así mesmo, sinalou que o termalismo multiplica a súa forza cando se une a outros atractivos igualmente naturais. É o caso da Ribeira Sacra, cuxos viñedos e os canóns sitúana como candidata a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; ou os Camiños de Santiago, que xa gozan dese recoñecemento. Ambos están máis preto ca nunca –engadiu o presidente— grazas á chegada a Ourense da Alta Velocidade, un eixo que conecta a cidade con Madrid en pouco máis de dúas horas. “O turismo termal pode e debe subirse ao tren da Alta Velocidade”, concluíu.

No mesmo senso, o titular destacou os fitos conseguidos polo Xacobeo: o récord tanto no número de peregrinos que selaron a súa credencial en Santiago, como nos niveis de demanda do sector. A falta de tres meses, concluíu, aínda se pode pechar mellor un Xacobeo para a historia, do mesmo xeito que os Anos Santos de 2027 e 2032, dentro da década xacobea, poden levar aínda máis lonxe o potencial do turismo. “O termalismo percorreu moito pero aínda lle queda moito por percorrer”, sentenciou.