Gadis reúne a máis de 200 ONG nun foro solidario
A compañía promove por segundo ano consecutivo un foro con entidades sociais de Galicia e Castela e León para intercambiar experiencias e incentivar novas sinerxías
Gadis celebrou o segundo foro con ONG e entidades de índole social de Galicia e Castela e León na Fundación Juana de Vega cun obxectivo: fixar os seus retos solidarios para o futuro. Representantes de máis de 200 organizacións coas que colabora de forma activa en diferentes ámbitos déronse cita tanto de forma presencial como vía streaming para intercambiar experiencias, afondar nas súas respectivas áreas de traballo e fomentar a aprendizaxe mutua. Promovendo este espazo de encontro e de diálogo, a compañía quere, ademais, dar a coñecer o importante labor social que prestan e facela visible para toda a sociedade.
A directora de Marketing e RSC de GADISA retail, Melisa Pagliaro, inaugurou o foro cunha intervención que xirou en torno ao valor da solidariedade en Gadis. Un valor que crece ano a ano e que se articula no programa de Responsabilidade Social Corporativa, que en 2021 alcanzou as 1.650 accións. Máis que no número, fixo fincapé no seu alcance e no impacto positivo que xeran na súa contorna as iniciativas que apoian ou promoven baixo a óptica da sustentabilidade triangular: económica, social e ambiental. A compañía mantén intacto o seu compromiso co local, coa proximidade e coa vocación de servizo e entende a sustentabilidade como unha forma de satisfacer as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras.
A continuación, unha mesa redonda para abrir o debate sobre as realidades que marcan o día a día nas diferentes ONG e como Gadis lles manifesta o seu apoio. A directora de Cáritas Interparroquial da Coruña, Pilar Farjas, profundou no importante labor asistencial que levan a cabo nas súas diferentes sedes a través dunha extensa rede de colaboradores que traballa seguindo tres eixos fundamentais para mellorar as condicións das familias desfavorecidas: formación para a inserción laboral, facilitar o acceso a unha vivenda digna e atención directa a necesidades básicas.
Pola súa banda, o presidente da Xunta Provincial da Coruña da Asociación Española Contra o Cancro, Manuel Aguilar, puxo de relevo algúns dos puntos que considera clave para a entidade: sensibilizar sobre a importancia da prevención e fortalecer a atención sanitaria e tamén a psicolóxica, tanto para pacientes como para familiares. “O cancro é igual para todos pero non todos somos iguais para o cancro”, matizou. Así mesmo, fixo fincapé na necesidade de captar fondos para poder levar a cabo os seus proxectos, como “A compra da túa vida”, coa que Gadis colaborou en todos os supermercados de Galicia e Castela e León o pasado mes de febreiro.
Finalmente, nesta mesa redonda tamén participou unha representante dos once bancos de alimentos das dúas comunidades autónomas cos que Gadis colabora de forma habitual e son tamén os beneficiarios dunha das accións máis destacadas da compañía no ámbito da solidariedade: Maio Solidario. Só en 2022 lográronse reunir preto de 110.000 quilos de produtos non perecedoiros. A presidenta do Banco de Alimentos Rías Altas, Conchi Rey, valorou moi positivamente o compromiso de Gadis, que sempre atende as súas peticións, subliñando a necesidade de estar ao carón das familias que pasan por momentos difíciles.
A continuación, Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), quen profundou no camiño que a entidade transita a diario para concienciar sobre as dificultades ás que se enfrontan as persoas con celiaquía. Tamén aproveitou para presentar o libro que publicaron co apoio de Gadis: Son Mariña! A historia dunha nena celíaca. Un conto dirixido ao público infantil para que os nenos e nenas coñezan esta situación e a normalicen. Unha das campañas principais da entidade desenvólvese, precisamente, nos centros educativos para concienciar á infancia.
Esta segunda edición do Foro de ONG de Gadis finalizou cos asistentes intercambiando experiencias e información sobre os seus respectivos proxectos. A cadea de supermercados fíxase como meta continuar apoiando a estas asociacións polo seu importante labor social, ademais de promover este espazo de diálogo como punto de encontro para aproveitar sinerxías.