Os deputados do Psoe trasladan as cortes xerais a "Tombola caciquil" da Deputación de Ourense
Mantiveron un encontro co voceiro de PSOE no Congreso, Héctor Gómez, e con senadores e deputados para trasladarlles a preocupante situación de caciquismo do goberno provincial.
Os nove deputados e deputadas ourensáns que ao longo dos últimos días peregrinaron a pé ata Madrid, mantiveron un encontro co voceiro de PSOE no Congreso, Héctor Gómez, para trasladarlle a “preocupante tómbola caciquil” na que está instalada a Deputación Provincial de Ourense, a través dun reparto “permanente” de fondos públicos “a dedo” entre concellos gobernados polo PP.
Durante o encontro no Salón dos Pasos Perdidos da Cámara Baixa, no que estiveron acompañados por outros deputados, deputadas, senadores e senadoras, explicaron ao portavoz socialista a “necesidade” de modificar a lexislación vixente, para que estas institucións “teñan que executar unha distribución equitativa e xusta” entre todos os municipios “ao igual que o financiamento recibido por estes entes provinciais tamén é plenamente democrático, equitativo e xusto”. De feito, ao longo dos vindeiros meses está previsto iniciar unha reforma da normativa sobre financiación das comunidades autónomas e da lexislación sobre os entes locais co fin de regular estes asuntos económicos, entre outras cuestións.
“É necesario que, a lo menos, unha parte dos fondos públicos que executan as deputacións, sexan transferidos directamente aos municipios mediante criterios obxectivos determinados claramente na lexislación”, insistiron. Gómez amosouse fondamente sorprendido polos feitos relatados polos cargos públicos.
Coa iniciativa ‘un millón de pasos por Ourense’ os deputados e deputadas, en representación dos alcaldes e alcaldesas da provincia, están a reclamar o amparo das institucións estatais, co fin de acabar co reparto “inxusto” dos cartos públicos. “Actualmente nove de cada dez euros desta institución acaban en municipios gobernados polo PP a través de acordos discrecionais, unha situación anómala en todo o Estado”, insisten.