A Deputación participará no plan "Polígono Verde"
No “centro verde”, procederíase á recepción, almacenamento e entrega aos xestores autorizados dos plásticos, papel e cartón producidos polas máis de 600 empresas que conforman o cinto industrial de Ourense, incluíndo Pereiro de Aguiar, Barreiros e Seixalbo.
A Deputación de Ourense contribuirá á posta en marcha dun proxecto pioneiro en Galicia, “Polígono verde”, impulsado polos empresarios da área industrial de San Cibrao das Viñas e o propio Concello, para o almacenamento e tratamento conxunto dos residuos producidos polas máis de 600 empresas que conforman o cinto industrial máis grande na comunidade galega, incluíndo os polígonos de Pereiro de Aguiar, Barreiros e Seixalbo.
Manuel Baltar confirmou o apoio da Deputación a este proxecto trala reunión que esta mañá mantivo no Pazo Provincial co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez, encontro no que tamén participou o alcalde, Manuel Pedro Fernández. A ambos trasladou as súas felicitacións “por un proxecto pioneiro en Galicia e tamén exportable a outras áreas industriais, que ten como bandeira a sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente”.
A Deputación, asegurou Manuel Baltar, “seguirá colaborando para o desenvolvemento de todas aquelas solucións imaxinativas que nos acheguen desde a área empresarial máis importante de Galicia”. Un espazo industrial estratéxico para a economía da provincia “co que cooperamos desde sempre, como por exemplo co servizo de bombeiros ou a recollida de lixo”.
José Antonio Rodríguez destacou que esta iniciativa trata de dar “unha novidosa resposta á xestión dos residuos industriais”, un dos grandes retos que enfrontan a diario os empresarios, xusto no momento no que entra en vigor a nova normativa comunitaria para a redución e reciclado destes refugallos. O apoio da Deputación será importante para a posta en marcha deste proxecto, dixo entre tanto Manuel Pedro Fernández, agradecendo “a colaboración exemplar do presidente”.
Optimizar custos de transporte e xestión
Para desenvolver o seu plan, a asociación de empresarios tomou como punto de partida o “Centro Verde” construído hai máis dunha década e que actualmente permanece en desuso. Neste punto, situado na rúa 4 do Polígono de San Cibrao, procederíase á recepción, agrupamento por lotes homoxéneos e almacenamento dos residuos ata alcanzar un volume suficiente que, ao mesmo tempo, permita optimizar os custos de transporte e tratamento aos xestores autorizados.
O centro, que funcionará como unha estación de transferencia de mercadorías, permitiría atender unha importante demanda das empresas como é a recollida selectiva do gran volume de residuos plásticos, papel e cartón que se producen no interior das instalacións. Os propios empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas, segundo reflicte unha enquisa da asociación, xa están no camiño da economía verde, pois o 44 % asegura posuír algunha medida para a redución do uso de embalaxes.