Guerra Ucrania

A Deputación de Ourense abre un centro loxístico para coordinar os envíos a Ucraína

No parque de maquinaria, no polígono de San Cibrao, a institución provincial reunirá o material recollido en colaboración co Concello de Ourense para, nos próximos días, realizar un primeiro envío.

Óscar Gómez

Ourense | 14.03.2022 08:05

A Deputación de Ourense abre un centro loxístico para coordinar os envíos a Ucraína | onda cero

A Deputación de Ourense pon en marcha este luns un centro loxístico no parque de maquinaria situado no polígono de San Cibrao das Viñas para a clasificación, almacenamento e envío de axuda humanitaria a Ucraína. Unha iniciativa da administración provincial coa que se pretende “coordinar e canalizar toda esta marea solidaria de concellos, entidades e cidadáns”, dixo a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, durante a visita que realizou esta mañá ás instalacións do pavillón de deportes Paco Paz, onde a Deputación habilitou un punto de recollida de material.

Luz Doporto insistiu na necesidade de centralizar toda a axuda humanitaria para conseguir “unha resposta o mais eficaz posible”. Nesta liña, sinalou, a Deputación vén de remitir unha carta aos 92 concellos da provincia informando da constitución, a través da Área de Benestar, dun grupo de traballo técnico para a cooperación coas entidades locais, agrupando toda a información sobre as iniciativas que se estean levando a cabo para coordinar e complementar a axuda”. Así habilitouse un enderezo electrónico e un teléfono (ourenseconucrania@depourense.es - 988 317 772) para que “os concellos nos faciliten unha persoa de contacto que nos permita coñecer, dun xeito áxil, que poden ofrecer e enviar”.

As primeiras respostas non se fixeron esperar informando o Concello de Chandrexa de Queixa da posta a disposición de sete vivendas sociais en Villa Celeiros para acoller a refuxiados, que se suman ás dúas vivendas ofrecidas polo Inorde na estación de Vilavella (A Mezquita). Con todo, Luz Doporto lembrou que “o que máis se está solicitando é o envío de mantas, roupa de abrigo, sacos de durmir, material sanitario, medicamentos, comida preparada para bebés, biberóns e cueiros”.

Ademais da axuda que se reciba procedente de todo o territorio ourensán, ata este centro chegará tamén o material recollido nos puntos habilitados polo Concello de Ourense, que nos próximos días se espera enviar xa nun primeiro transporte de material en resposta á petición de axuda realizada desde a localidade polaca de Ladek-Zdroj, integrada na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), e onde o seu alcalde, Roman Kaczmarczyk, solicitou ao resto de integrantes da asociación o envío urxente de axuda humanitaria para atender aos refuxiados ucraínos que están cruzando a fronteira cara territorio polaco.