O Concello solicita a declaración do Centro Histórico como Área Rexurbe
A área Rexurbe é una figura creada pola Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.
O Concello de Ourense vén de solicitar a declaración do Centro Histórico da cidade como Área Rexurbe, coa que agarda obter fondos en torno aos 10 ou 12 millóns de euros. As Rexurbe son áreas de intervención no medio urbano que, polas súas especiais características, precisan dunha maior implicación da administración autonómica e local para dinamizar e revitalizar o seu ámbito.
De acordo co estipulado na dita lei, o Concello de Ourense cumpre cos requisitos para a delimitación da área. A intervención nesta área poderá comprender actuacións de renovación e mellora da urbanización, dos espazos públicos e das demais dotacións urbanísticas ou das infraestruturas e dos servizos urbanos, así como articular medidas sociais, ambientais e económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global integrada.
Ao mesmo tempo, a Concellería comenzará a traballar no plan de dinamización necesario onde se detallarán as accións cuxo obxectivo será a recuperación do comercio local, a promoción do turismo cultural e a atracción de iniciativas empresariais, con especial énfase na diversificación e na chegada de novos emprendementos á zona. Estas medidas buscan non só restaurar e preservar o patrimonio histórico de Ourense, senón tamén dinamizar a economía local e promover o desenvolvemento sostible na rexión.
A declaración de área Rexurbe do Conxunto histórico de Ourense representa un paso significativo cara á conservación e posta en valor dunha parte fundamental da identidade cultural da cidade. Agárdase que as accións derivadas destas intervencións contribúan a fortalecer o atractivo turístico, mellorar a calidade de vida dos habitantes e consolidar Ourense como un referente cultural e patrimonial na rexión.