O Concello de Ourense presenta o seu IV Plan de Equidade
O estudo, presentado pola socióloga Silvia Pérez Freire, contén 100 medidas que renovan o compromiso municipal para que “a Igualdade, en materia de xénero en particular, estea interiorizada en todos os estratos da sociedade”.
O Concello de Ourense presentou, dentro dos actos do #8M Día Internacional das Mulleres, o IV Plan de Equidade de Xénero 2022/2024, unha ferramenta con 100 medidas que quere ser a folla de ruta para acadar unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. Este plan renova o compromiso municipal para que “a Igualdade, en materia de xénero en particular, estea interiorizada en todos os estratos da sociedade”, segundo manifestou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante a presentación.
O estudo, presentado pola socióloga e experta en materia de xénero Silvia Pérez Freire, é o resultado dos tres plans anteriores e das diagnose realizada por diferentes grupos de traballo -integrados por persoas expertas na materia, pero tamén por asociacións da sociedade civil e particulares-, así como dunha enquisa realizada entre o persoal traballador municipal. O seu obxectivo, segundo a relatora, é o de “mellorar a calidade de vida de todos e todas”, dixo.
Este plan de equidade bebe dos anteriores, pero cunha orientación feminista: “Temos que chegar con vehemencia a certos colectivos en risco, pero as mulleres excedemos o colectivo, xa que somos a metade da poboación.” Igualmente, pon o foco sobre a corresponsabilidade compartida -non real-, e realiza un aviso sobre o tempo perdido: “A pandemia causou unha parada nestas políticas”.
100 medidas en seis bloques. Para validar que todas as iniciativas contidas neste plan se levan a cabo, distribúese a responsabilidade entre unha ou varias concellerías que se encargarán do seu seguimento. Para iso, establécense unhas liñas reitoras, que contén cada unha :
- Gobernanza (20 medidas), que se encargará da transversalidade.
- Promoción da saúde e do deporte (18 medidas), con previsión e seguridade para todos os colectivos.
- Economía e equidade (18 medidas), ou a xeración dunha forte base de coñecementos para desenvolver as políticas de equidade
- Servizos e recursos institucionais (11 medidas), ou colocar os bens municipais ao servizo e beneficio das persoas.
- Cidadanía e urbanismo (12), mellorando a mobilidade e a sostibilidade da contorna.
- Prevención das violencias de xénero (21), fortalecendo os procesos e potenciando a información desde unha óptica pedagóxica. Como dato, a última das medidas (a número 100) fala da sexualidade na contorna dixital.
En definitiva, un plan para ir alén das palabras e executar as medidas a medio e curto prazo.