O Concello de ourense inicia este sábado os obradoiros temáticos no Montealegre
Traballos manuais con material de reciclaxe, plantación de sementes ou visitas guiadas para recoñecer as especies, entre os talleres para este primeiro trimestre do ano.
O Concello de Ourense quere achegar a infancia ao medio natural e promover o respecto pola súa contorna máis próxima, e este sábado retoma os obradoiros temáticos no parque de Montealegre. Neste primeiro trimestre haberá talleres de máscaras e disfraces de Entroido, elaboración de zoolóxicos con cartolina e outros materiais reciclados e rutas para observar o parque.
Entre os obxectivos desta programación, o Concello quere dar a coñecer o parque de Montealegre, impulsar a imaxinación e a creatividade dos participantes, fomentar a reciclaxe e a prevención de residuos, propoñer alternativas de lecer á tecnoloxía e incentivar a participación da rapazada en actividades sociais. Desenvolveranse en fin de semana en horario de 16.00 a 18.00 horas de forma gratuíta.
As prazas son limitadas, polo que haberá que anotarse previamente no enderezo de correo electrónico sm.p.montealegre@gmail.com ou no teléfono 988.388.135.
Máscaras de Entroido - Sábado, 18 de febreiro: Dirixida a público de 6 a 12 anos. Elaboraranse caretas e antefaces con material reciclado e aproveitarase para falar do contexto e da importancia desta festa na provincia de Ourense.
Disfraces de Entroido – Domingo, 19 de febreiro: Dirixida a público de 6 a 12 anos. Aproveitaranse materiais naturais (follas, piñas caídas, paus...) para elaborar disfraces orixinais, personalizados e elaborados artesanalmente con poucos recursos.
Xermina as túas sementes – Sábado, 25 de febreiro: Dirixida a público de 5 a 10 anos. Cultivaranse sementes de época en recipientes sostibles. Así mesmo, haberá unha parte didáctica sobre o proceso de semente a planta ou árbore.
Percorre o Botánico: Ruta de observación – Domingo, 26 de febreiro: Dirixida a familias. Armados con papel e lapis, os participantes percorrerán o Montealegre para recoñecer as diferentes especies arbóreas, a función que desempeñan, os usos que poidan ter e o seu comportamento no hábitat.
Zoolóxico de cartolina – Sábado, 11 de marzo: Familias e rapazada de 4 a 9 anos. Elaboración de formas e figuras relacionadas coa contorna natural.
Portalapis con material reciclado – Domingo, 12 de marzo: Dirixida a público de 6 a 12 anos. A partir de material reciclado, elaboraranse portalapis con deseños orixinais.
Mural de Primavera – Sábado, 25 de marzo: Dirixida a público de 5 a 10 anos. Aprenderán a interpretar e a coñecer o mundo natural a través da observación e a creatividade a través da elaboración dun mural conxunto. Traballarase tamén a autonomía persoal e o respecto cara aos demais.
Traballos manuais con palliñas – Domingo, 26 de marzo: Dirixida a público de 5 a 12 anos. Utilizaranse palliñas de distintas cores para crear ornamentos como colares, aneis, xoguetes, marcos de fotos...