O Concello elimina a taxa de veladores do sector da hostalaría até 2022
A xunta de goberno local aprobará mañá a modificación da ordenanza fiscal coa finalidade de “apoiar un sector que foi fortemente golpeado pola crise”, asegura o alcalde
O Concello de Ourense suspenderá aplicación da taxa de veladores durante os anos 2020, 2021 e 2022. O goberno municipal presentará a aprobación na xunta de goberno local este acordo, co que pretende apoiar o sector da hostalaría, fortemente afectado polas consecuencias económicas da pandemia da COVID-19. Con este acordo, o Concello exime os locais de hostalaría de pagar a taxa que habitualmente abonan por utilizar espazo público coas súas terrazas.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, explica que esta medida “é un modo de axudar un sector, o da hostalaría, que se veu fortemente afectado pola crise” ocasionada pola pandemia da COVID-19, lembrando que os establecementos tiveron que permanecer pechados durante diferentes etapas, e aínda a día de hoxe, está sometido a especiais restricións no desenvolvemento da súa actividade.
A este respecto, subliña o alcalde que “somos o concello de toda España que máis axuda lle deu ao colectivo de autonómos, polo que agora a eliminación do 100% da taxa de veladores é consecuencia do noso compromiso por axudar os autónomos que son os auténticos heroes da economía actual. Sobrevivir é dificiílismo e esta é a nosa maneira de axudalos”.
Modificación da ordenanza fiscal
O acordo que se lle presentará á xunta de goberno local é unha modificación da ordenanza fiscal reguladora das taxa polo aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local, que fixa, entre outras, unha tarifa pola utilización do espazo público para colocar terrazas de hostalaría.
A ordenanza modificarase engadíndolle unha disposición adicional ao seu articulado: “Durante os anos 2020 a 2022 suspéndese a aplicación e a esixencia das tarifas establecidas pola ocupación da vía pública con mesas, cadeiras e tribunas, contidas no epígrafe d) do artigo 6.6 desta Ordenanza. As ditas tarifas volverán ser de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2023.
O Concello procederá á anulación das liquidacións aprobadas e á devolución dos ingresos correspondentes aos ditos períodos impositivos. E, de conformidade co Regulamento orgánico do Concello, este acordo comunicaráselles aos portavoces dos grupos políticos municipais e abrirase un prazo de 10 días no que poderán realizar emendas. Unha vez debatidas, no seu caso, as emendas, o proxecto ditaminarase en comisión e elevarase a Pleno para a súa aprobación inicial.
O padrón fiscal da taxa de veladores do Concello de Ourense ascendeu en 2020 a 113.969,96 euros, cun total de 342 recibos. O importe deste ano foi inferior ao de anos anteriores porque na súa elaboración xa se tivera en conta o peche destes establecementos durante o estado de alarma. O padrón do ano anterior, 2019 ascendera a 139.837,36 euros, cun total de 351 recibos.
Remodelación da rúa da Concordia
A xunta de goberno local de mañá inclúe tamén un novo acordo coa finalidade de impulsar o proxecto de humanización da rúa da Concordia, un vial do que é titular a Xunta de Galicia, que o Concello quere remodelar para fomentar o seu uso peonil.
Con esta finalidade, desde a Concellería de Infraestruturas propónselle á xunta de goberno solicitarlle ao Consello da Xunta de Galicia o cambio, a favor do Concello de Ourense, da titularidade do tramo da antiga estrada N – 120 correspondente á vía urbana integrante da rúa da Concordia e da avenida de Bos Aires (esta última, no tramo comprendido entre as interseccións coas rúas Santo Domingo e Ramón Cabanillas, que é a prolongación natural da rúa da Concordia).
O acordo inclúe un segundo punto. Concello de Ourense e a Consellería de Infraestruturas asinaran o 30 de novembro de 2018 un protocolo de colaboración para acometer, entre outras actuacións, as remodelacións da rúa da Concordia e de Marcelo de Macías, que serían cofinanciadas por ambas administracións. Ao preverse transferencias de capital de importe similar (uns 400.000 euros), e coa finalidade de simplificar a tramitación administrativa, Concello e Xunta de Galicia chegaron a un principio de acordo para que o Concello sexa quen financie ao 100% a remodelación da rúa da Concordia e a Xunta financie ao 100% a da rúa de Marcelo Macías.
Por este motivo, o acordo que se lle presenta á xunta de goberno local de mañá inclúe un segundo punto: comunicarlle á Xunta que, co cambio de titularidade que se lle solicita, quedará sen efecto o compromiso político anterior do Concello de financiar ao 30% as obras de Marcelo Macías.