Ecoloxistas en Acción verificou o comezo das obras, coa explanación da zona na que se vei construír unha nave de tratamento de augas, cuxa eficacia foi cuestionada por cofradías, concellos e ducias de colectivos ambientais. As actuacións son ilegais, xa que a actividade non foi sometida a unha avaliación de impacto ambiental e o proxecto aprobado en 2009, que contempla 12 postos de traballos, non prevía ningún tipo de tratamento para a auga contaminada con metais pesados.
A organización ecoloxista cualifica como “temeraria” á Xunta, ao permitir o inicio das obras e dos vertidos sen antes de resolver as ducias de recursos de alzada presentados contra a autorización de vertidos outorgada ilegalmente o pasado mes de febreiro, e pola que xa foron incoadas dilixencias penais nos Xulgados de Santiago contra os funcionarios e altos cargos responsables. Ademais Ecoloxistas en Acción anuncia a presentación inminente de demandas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tan pronto transcorra o prazo de 3 meses do que dispón a Consellaría de Infraestruturas para resolver os recursos.
A organización ecoloxista considera que permitir o baleirado da mina pode causar un prexuízo gravísimo e irreparable nos ecosistemas e bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia, e que ademaisnon ten sentido ningún, xa que, unha vez que mesmo que se baleiren as augas das plantas inundadas, a empresa australiana non dispón dos permisos para poder realizar a explotación.
Lembran que a obtención dos permisos de explotación podería demorar anos ao precisar dunha avaliación de impacto ambiental, mentres que os achiques de mina, que chegarían a duplicar o caudal do río, terán que ser continuos, provocando unha contaminación con metais pesados permanente e totalmente innecesaria.