Cultura

Chega o mes da ciencia en galego á biblioteca Nós

Os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta van acoller ao longo de novembro preto de 40 actividades de divulgación científica enmarcadas na celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas.

Haberá mostras específicas sobre o eido científico para público infantil e adulto, así como a actividade para a rapazada Ciencia e tecnoloxía na volta ao mundo de Xulio Verne

A autora Antía Yáñez manterá un encontro arredor da súa obra Senlleiras o 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero.

Óscar Gómez

Ourense | 02.11.2021 12:57

Nova biblioteca de Ourense | La Voz de Galicia

A Biblioteca Pública da Xunta en Ourense, Nós, ofrece neste marco actividades como Ciencia e tecnoloxía na volta ao mundo de Xulio Verne e mostras bibliográficas específicas sobre o ámbito científico. A programación inclúe ademais diversas propostas centradas especialmente no público máis novo, con contacontos, obradoiros e un encontro literario coa autora Antía Yáñez. A información sobre todas as actividades, que requiren inscrición previa, está dispoñible na web do centro.

O mércores 3, ás 18,00 horas, terá lugar unha actividade de animación no marco da presentación do libro O país da choiva, de Miguel Ángel Alonso Diz. O evento, organizado por Antela Editorial, está dirixido ao público de 5 a 10 anos.

O xoves 4 ás 18,00 horas é a quenda da rapazada de 7 anos en diante, co encontro literario con Antía Yáñez arredor da súa novela Plan de rescate. A actividade enmárcase no programa Os xoves son tarde de biblioteca, que en novembro trae tamén Ciencia e tecnoloxía na volta ao mundo de Xulio Verne, da man de Ciencia Kids, na xornada do 18. Esta proposta forma parte ademais da celebración do Mes da ciencia nas bibliotecas galegas. Xa o xoves 25, Fátima Fernández e Mª Luísa Lombardero ofrecerán o obradoiro bilingüe en galego e na lingua de signos Signos que contan.

Pola súa banda, os bebés de ata 3 anos seguen tendo a súa cita o segundo e cuarto mércores do mes ás 18,00 horas cos Bebecontos. Así, o día 10 Olga Cuervo ofrece Mamá, papá, pipí, con xogos, cancións e bailes pensados para axudar os bebés a prescindir dos cueiros, e o 24, Charo Pita, Fábulas no berce.

Canto ás actividades para adultos, o xoves 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero, haberá un encontro con Antía Yáñez arredor da súa obra Senlleiras. Será ás 19,00 horas na sala de conferencias.

Exposición das obras premiadas en Xuventude Crea

Entre as mostras previstas cómpre sinalar Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado. Unha mirada ao futuro, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e de Voluntariado. A través de 29 obras premiadas no certame Xuventude Crea ao longo dos seus catorce anos de historia, ofrécese unha representación da creación contemporánea galega en eidos que van desde o deseño de moda ou a xoiería ata a escultura, fotografía ou banda deseñada. Poderá visitarse do 12 de novembro ao 12 de decembro.

Instalaranse tamén dúas mostras enmarcadas na celebración do Mes da ciencia nas bibliotecas, con O cine e a ciencia, cunha escolma de diverso material audiovisual que se achega a fitos científicos, e Peque-ciencia, destinado a que o público máis novo coñeza tanto a natureza como os avances científicos. Ambas escolmas estarán dispoñibles do 8 ao 30 de novembro.

Ademais dúas exposicións iniciadas a mediados de outubro prolónganse ata os primeiros días de novembro. Trátase da mostra Xela Arias. Asinamos ser libres, organizada pola Xunta no marco do Día das Letras Galegas e que está a percorrer diversos espazos de Galicia desde o pasado maio, e de Abrazos, unha exposición de pintura coa obra de Marga Viz.

Por outra banda, seguen desenvolvéndose as actividades continuas, como obradoiro de cómic para maiores de 14 anos que se realiza os sábados alternos ao longo de todo o curso con Yago García, os faladoiros en inglés e os diferentes clubs de lectura, de debate, de arte, de cinema e de escrita creativa. A estes súmaselles en novembro o club de poesía.