O Grupo Parlamentar do BNG ven de rexistrar a través do deputado por Ourense Iago Tabarés, unha Proposición non de Lei co obxecto de instar á Xunta de Galiza a impulsar as actuacións necesarias para o incremento da planta xudicial no partido xudicial de Ourense, mediante a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia para a súa especialización en asuntos de familia e capacidade das persoas.
Lembra o deputado Tabarés que "estamos diante dunha vella demanda do BNG e mesmo de diferentes colectivos e operadores xurídicos de Ourense", e engade, "o Xulgado de Primeira Instancia número 6 do partido xudicial de Ourense ven soportando dende hai anos unha elevadísima carga de traballo que excede con moito o máximo establecido polo Consello Xeral do Poder Xudicial e que para evitar un inmediato colapso obrigou a adopción de medidas extraordinarias de apoio e reforzo e a un seguimento específico por parte do Consello".
O propio CXPX fixa un máximo de 1.323 o número de asuntos que podería soportar un Xulgado de Familia, o de Ourense e segundo os datos do propio Consello, rexistrou un total de 2.292 no ano 2021.
Para o deputado Iago Tabarés "como consecuencia de tan elevada carga de traballo e do elevadísimo rendemento da oficina xudicial, o Xulgado presenta unhas taxas de dependencia moi superiores á media, polo que resulta incompresíbel que a Xunta de Galiza non propoña a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia no partido xudicial de Ourense".