O BNG presenta a súa proposta de medidas urxentes ante a suba constante dos prezos
Desde a formación nacionalista advirten de que a situación é insoportábel e de que non podemos permitir que o Goberno español e galego sigan paralizados
Sarín Núñez quen avanzou os diferentes actos que, encadrados dentro da campaña, desenvolverán nas vindeiras semanas na cidade e no resto de vilas e concellos da comarca. Segundo Núñez "trátase de denunciar a suba disparada dos prezos, do empobrecemento social da poboación e do traslado das iniciativas nacionalistas para tentar paliar a situación", ao que engadiu, "presentaremos mocións nos distintos concellos do país e manteremos encontros cos principais sectores afectados".
Pola súa banda, a deputada Noa Presas comezou lembrando que "lanzamos esta campaña institucional e social pola suba de prezos para exixir ao Goberno Central e a Xunta que tomen medidas, xa que Galiza está nunha situación absolutamente límite".
Presas fixo referencia á situación actual, coa maior suba de prezos en trinta anos e que ten dúas consecuencias no noso país, "en Galiza a suba de prezos é maior que no resto do Estado, un 8% fronte ao 7% estatal pero é que en Ourense esa suba é aínda maior, situándose nun 8,4%, por riba da media galega".
Noa Presas ten claro que cos datos anteriores dase unha situación claramente perceptible no día a día cada un de nós e é que "empobrecémonos máis rápido co resto de galegas e galegos", e engade, "notamos cada día a suba do prezo da luz, dos carburantes e mesmo da cesta da compra polo que entendemos desde o BNG que non podemos permitir esta situación".
A parálise na que se atopa, segundo Presas, o Goberno Central unido a unha Xunta de Galiza "que actúa máis como tertuliana que coma goberno, cun presidente de xira por razóns partidistas e sen facer efectivas as súas competencias fan que a situación actual sexa totalmente insostible". Ao anterior hai que engadirlle que tal e como afirma Presas, "temos un colchón para resistir moi fino xa que por exemplo seguimos tendo as pensións máis baixas do Estado e un salario medio en Galiza 600 euros inferior ao resto".
Consecuencia de todo o anterior, o BNG, "solicita que se adopten medidas concretas que estamos trasladando a todas as institucións malia que como aconteceu no pleno do Parlamento desta semana, o PP dixo non a todas as propostas que eran da súa competencia".
A deputada por Ourense ao sector primario xa que segundo dixo, "cómpre habilitar axudas directas de forma inmediata e que terían que estar publicadas esta mesma semana do DOG". Igualmente desde o BNG pídenlle á Xunta o incremento das axudas socias, Risga, IVM, etc, xa que coas contías actuais non poden asumir boa parte dos seus gastos.
Tamén solicitan elevar as pensións non contributivas máis baixas, para o cal instan ao Goberno galego a aumentar o suplemento autonómico en 100 euros, "algo que a Xunta cunha mera modificación orzamentaria pode facer".
Por último, "a Xunta e o Estado deben abaratar as peaxes e os custos do transporte así como aumentar as frecuencias do transporte público para permitir que aquelas persoas que non poden encher o depósito do coche se poidan desprazar".
Manifestación o 03 de abril en Santiago de Compostela
Para a deputada Noa Presas cómpre manter unha forte presión social para facer que tanto Xunta coma Estado reaccionen, deixen de estar parados e tomen medidas encamiñadas a revertir a actual situación, por iso animou a toda a sociedade ourensá a participar da manifestación nacional que o BNG organiza o vindeiro 03 de abril en Santiago de Compostela, "porque non podemos permitir que un país coma o noso, con tantas potencialidades e tantas necesidades, estea abocado ao empobrecemento e a parálise simplemente porque PP e PSOE non queren actuar desde o ámbito das súas responsabilidades".