Concello de Ourense

O BNG esixe á Xunta un compromiso efectivo para o seu edificio administrativo en Ourense

Iago Tabarés pide ao Executivo galego “respecto á cidadanía ourensá” ante o anuncio agora da compra de terreos nas Lagoas para esta infraestrutura. “Non sei que problema ten Núñez Feixóo con Ourense, pero o certo é que todos os proxectos da cidade tardan cando menos 30 anos”, recrimina.

Óscar Gómez

Ourense | 03.02.2022 08:48

O BNG esixe á Xunta un compromiso efectivo para o seu edificio administrativo en Ourense | onda cero

O BNG esixiu á Xunta no Parlamento galego un compromiso efectivo para a construción do seu edificio administrativo en Ourense, unha infraestrutura coa que xa contan as demais cidades galegas, pero que na capital ourensá leva protagonizando 25 anos de compromisos incumpridos por parte do Goberno do PP.

“Esta é unha iniciativa que vai sobre respecto, respecto á cidadanía e respecto a unha cidade, un respecto que brilla pola súa ausencia dados os anuncios e compromisos carentes do máis mínimo rigor e do máis mínimo contido sobre algo tan básico e esencial como é a construción dun edificio administrativo que aglutine todas as dependencias administrativas da Xunta en Ourense que están espalladas por moitos espazos da cidade, públicos e privados”, reprochou o deputado nacionalista Iago Tabarés nunha pregunta parlamentaria na comisión de Institucional, Administración Xeral e Xustiza.

Neste sentido, Tabarés recordou que xa “no século pasado”, o expresidente Manuel Fraga xa comprometera esta infraestrutura, en época preelectoral, no denominado proxecto Ourense cara ao novo milenio, no que formulaba o traslado do campo de fútbol do Couto á zona de Bemposta (na que a Xunta tiña dereito de edificación) e a construción do edificio administrativo no barrio do Couto.

“Durante todo este tempo e pese a contar o PP con maioría absoluta tanto na Xunta, como na Deputación, como no concello e mesmo no Estado, nada se volveu saber”, recriminou, para a continuación lembrar que en marzo de 2005, o daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feixóo, anunciaba que o Goberno galego retomaba o proxecto, comprometendo prazos e orzamentos. Logo que en 2008 o novo Executivo galego non puido retomar o proxecto, modificado, pola falta de apoio do PP, que non permitiu liberar terreiros no barrio do Couto, Núñez Feixóo tomou a presidencia da Xunta “sen que nada se volvese saber do edificio administrativo”, continuou relatando.

“Ata que en 2014 o señor Feixóo manifesta a súa renuncia ao proxecto, sen ofrecer opción ou alternativa que cubrira a necesidade desta infraestrutura”, reprochou, logo de recalcar que pese a gobernar en solitario a cidade e con maioría absoluta na Xunta e no Estado, o presidente galego non se acordou de Ourense ata finais de 2018 e 2019, no que anuncia a construción do edificio administrativo cun orzamento de 20 millóns, solicitándolle ao concello unha parcela.

“Sen coñecer a resposta do Concello de Ourense, do que o PP formaba parte, nada se volveu facer, ata os orzamentos galegos de 2021, nos que se realiza un novo anuncio: a reforma do PAC do concello para adaptalo a edificio administrativo, aprobando para isto unha partida de dous millóns de euros”, explicou.

Tabarés recriminou á Xunta que anunciase agora, logo de presentarse a iniciativa parlamentaria do BNG, a adquisición de catro parcelas no barrio das Lagoas para a construción da infraestrutura administrativa, cando eran uns terreos que estaban determinados por técnicos pagados pola Xunta como idóneos para a creación da residencia de maiores.

O deputado nacionalista cuestionou sobre o procedemento para a adquisición destas parcelas, da que o propio alcalde ourensán dixo no seu momento non ter coñecemento, e se existe proxecto para o proxecto administrativo porque, segundo advertiu, a realidade a día de hoxe, e con anuncios e compromisos incumpridos dende o século pasado, a cidade segue sen edificio administrativo. “Non sei que problema ten Núñez Feixóo coa cidade de Ourense, pero o certo é que todos os proxectos de Ourense cando menos tardan 30 anos”, concluíu exemplificando neste sentido tamén coa chegada do AVE, as rondas da cidade, a biblioteca, o arquivo ou a praza de abastos.