O BNG denuncia os recortes dos traballadores da limpeza do campus de Ourense
A deputada Noa Presas lembra que "a comezos do curso escolar universitario, a Unión Comarcal da CIG de Ourense alertaba da situación de absoluta indefensión na que se atopaba o persoal de limpeza do Campus da Universidade en Ourense"
O BNG amosa a súa preocupación ante a situación actual do servizo de limpeza no campus universitario de Ourense, motivo polo cal, ao longo das últimas semanas rexistraron unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza reclamando a implicación da Xunta, xa que estamos a falar de instalacións financiadas con cartos públicos, dun servizo esencial máxime nos tempos actuais de pandemia e onde se están vulnerando dereitos laborais.
A deputada Noa Presas lembra que "a comezos do curso escolar universitario, a Unión Comarcal da CIG de Ourense alertaba da situación de absoluta indefensión na que se atopaba o persoal de limpeza do Campus da Universidade en Ourense en plena segunda crise da pandemia do coronavirus. Dende a central reclamaban a contratación de máis persoal, protocolos claros de actuación, probas PCR e seguimento dos métodos de traballo. Porén, conforme avanza o tempo as medidas son insuficientes e é claro e manifesto o abuso da concesionaria Samyl sobre as traballadoras, maioritariamente mulleres, dun servizo esencial para unha adecuada limpeza dos centros".
Ante esta situación, as nacionalistas pídenlle á Xunta de Galiza que deixe de mirar cara outro lado e se implique activamente na resolución do conflito xa que, segundo Presas "cómpre salvagardar as condicións laborais das traballadoras, mais tamén ter en conta os efectos e a importancia dun servizo absolutamente esencial, e por tratarse de centros financiados con fondos públicos. A Xunta de Galiza debe posicionarse de lado das traballadoras e actuar como intermediaria neste asunto para garantir o cumprimento dos pregos de condicións e un adecuado servizo".
Nas últimas semanas o cadro de persoal de Samyl do campus norte da Universidade de Vigo en Ourense continúa coas mobilizacións para rexeitar os recortes no servizo, en concreto a eliminación de horas de traballo. Este incumprimento do prego de condicións da adxudicación por parte da empresa prodúcese, segundo alertan desde o BNG, coa permisividade da Universidade e ante a inacción tanto da Inspección de Traballo como da Consellaría de Sanidade, tal e como denuncia a forza sindical.
Noa Presas incide en que "é inaceptábel que durante unha pandemia, e máis aínda durante unha improtante vaga na que aumentan os casos, estean a cubrirse 25% menos de horas de limpeza". Ao tempo que lamenta que "tras denunciar os feitos ante a Inspección de Traballo e a Consellería de Sanidade aínda non teñen resposta, o cal indica a deixadez da administración pública neste asunto".
Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Parlamentario do BNG no Parlamento galego solicita instar á Xunta de Galiza, a impulsar unha mesa de traballo entre todas as partes para dar unha saída á falta de garantías de seguridade sanitaria e laboral das traballadoras da limpeza do Campus de Ourense e demandar da empresa concesionaria o cumprimento do prego de condicións, o desenvolvemento de todas as horas de traballo con todo o persoal necesario así como demandar da concesionaria e das administracións competentes o aumento de recursos humanos e materiais que sexa necesario para unha adecuada limpeza e desenvolvemento da actividade laboral durante a crise da covid-19.