O BNG demanda a renaudación das obras do parque acuático de Pereiro
Iago Tabarés denuncia que as obras continúan paralizadas, o espazo acuático integramente derruído e o contrato pendente de ser novamente licitado.
O deputado do BNG, Iago Tabarés, rexistrou no Parlamento de Galiza unha Proposición non de Lei para esixir a inmediata licitación das obras do parque acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar. “A inactividade na que se atopan sumidas as obras, de continuar, comprometerá o lecer da cidadanía de toda a comarca unha tempada máis” indicou o deputado nacionalista.
A Xunta de Galiza, sinala o Tabarés, careceu da máis mínima dilixencia tanto no seguimento da execución da obra e do cumprimento do contrato, como, ante o abandono da obra pola adxudicataria, na resolución do devandito contrato. Tanto é así que aínda meses despois de que fora anunciada a resolución non consta a formalización da mesma.
No mes de agosto de 2021 adxudicouse o contrato de Obras de construción da primeira fase do parque acuático no Complexo Lúdico Deportivo de Monterrei no Concello do Pereiro de Aguiar. O contrato, formalizado no mes de setembro, cun orzamento de 4.701.920,85 € IVE incluído e un prazo de procedéndose á formalización de 8 meses.
A mediados de xuño de 2022 a Xunta de Galiza, transcorrido abondo o prazo de execución do contrato e no canto de informar a entrada en funcionamento do parque acuático, a Xunta de Galiza anuncia a resolución do contrato. A execución do contrato non só levaba meses paralizada, senón que até o momento da “retirada” da empresa adxudicataria, o avance nas obras era extraordinariamente lento e xa evidenciaba que ía ser imposible rematar no prazo contratado.
Asemade a intervención simultánea en todo o espazo -tanto o de nova creación como as piscinas que xa estaban en funcionamento – reflicte unha falla de planificación na actuación construtiva.
“A consecuencia da neglixente actuación da Xunta foi que ante o verán coas temperaturas máis elevadas de toda a serie histórica cun grande número de xornadas por riba dos 40º, a cidadanía da comarca de Ourense viuse privada dun dos espazos acuáticos e de lecer de maior capacidade e aforo de toda a contorna.”