O BNG demanda reducir as listas de espera no CHOU que son as peores de Galicia
Noa Presas e Iago Tabarés rexistran iniciativas no Parlamento Galego para demandar da Xunta un trato xusto para Ourense a través dun Plan para o reforzo de persoal, a mellora da organización e a redución dunhas listas de agarda “intolerables”.
A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, avanzou que o Grupo Parlamentario do BNG rexistrou unha batería de iniciativas ante “as escandalosas cifras de lista de agarda por unha consulta especialista do Complexo Hospitalario de Ourense”.
Presas recordou que “coñecidos os últimos datos de agarda oficiais do SERGAS, o resultado para Ourense é absolutamente escandaloso pois o CHUO, ten as peores esperas de todo Galiza. Así, se de media un galego ou galega agarda 62,9 días, calquera persoa que teña o hospital da cidade como referencia ten unha espera media de 117,8, case o dobre”.
A deputada insistiu en que isto “é un problema de primeira orde que require dunha rectificación da Xunta de Galiza, pois isto afecta a máis de 30.000 persoas e o principal problema está nas especialidades de oftalmoloxía, traumatoloxía e rehabilitación, especialmente sensibles por termos unha poboación moi maior”.
Para o BNG, “o Goberno galego non pode poñer desculpas cando ten no seu historial falta de investimento sanitario e unha política laboral que expulsa profesionais, é hora de que rectifiquen e aborden este problema”. O BNG lembra que “en xaneiro de 2023, o presidente da Xunta anunciaba a posta en marcha dun plan de choque para reducir as listas de agarda mais desde entón, un ano despois, non se coñece dito plan nin se concretaron medidas específicas, máis aínda, os últimos datos amosan o seu fracaso”.
“Ademais, parécenos especialmente grave que haxa 2.643 persoas agardando máis de 12 meses. Esta última cifra, para que nos fagamos unha idea do agravio comparativo, é de cero nas áreas de Pontevedra-Salnés, Santiago-Barbanza ou A Coruña-Cee, dunha persoa na Área Sanitaria de Ferrol, de 7 en Vigo e de 686 na área de Lugo-Monforte. Vese claramente a discriminación do interior e as cifras de Ourense non son comparables a ningunha outra comarca”.
Por estas razóns, Noa Presas e Iago Tabarés demandan da Xunta unha rectificación da súa política laboral e de organización hospitalaria e abordar de forma urxente a situación do CHUO a través dunha mesa de traballo “na que se aborden un Plan para o reforzo de persoal, a mellora da organización e medidas de reforzo para a redución dunhas listas de agarda que non son tolerables e que vulneran os dereitos sanitarios das e dos ourensáns”.