Cursos

Arranca o programa formativo para persoal de prevención de incendios

No caso dos bombeiros forestais e xefes de brigada, abordaranse aspectos como a análise operativa e táctica, os lumes de interface urbano-forestal, as manobras de autoprotección con auga ou os diferentes tipos de atrapamento

Óscar Gómez

Ourense | 19.04.2022 13:02

Arranca o programa formativo para persoal de prevención de incendios | onda cero

Arranca o programa formativo da Xunta correspondente ao 2022 para o persoal do Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia, impulsado pola Consellería do Medio Rural.

Así, por unha banda, iníciase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, a instrución para bombeiros forestais e xefes de brigada. Por outra parte, tamén se inicia nesta xornada o curso de especialización de bombeiros forestais-condutores de motobomba, que se desenvolverá en catro sedes: Oroso (A Coruña), Nadela (Lugo), Antela (Ourense) e O Campiño (Pontevedra). Este programa formativo prolongarase ata o vindeiro mes de xuño.

No caso dos bombeiros forestais e xefes de brigada, nesta primeira semana formaranse no CFEA de Sergude un total de 10 brigadas das catro provincias, cunha media de entre 60 e 70 profesionais por día. Todo o persoal participará nestas accións formativas co seu Equipo de Protección Individual (EPI), así como con diferentes dotacións de transmisións e intercomunicación. Ademais, para estes exercicios prácticos os alumnos disporán de varias motobombas, así como de material relacionado co seu labor, como poden ser as lanzas reguladoras de caudal ou de formadoras de cortina, entre outros utensilios.

Os contidos da formación versarán sobre aspectos como a análise operativa e táctica (dirixido aos responsables de brigada), os lumes de interface urbano-forestal (para bombeiros forestais) e as manobras de autoprotección con auga ou os diferentes tipos de atrapamento, ambos os dous para todo o persoal, agrupado por brigada. As prácticas rematarán cun exercicio final no que se proporá un escenario múltiple.

Así, en relación co manexo da auga, darase formación sobre conceptos técnicos, así como de manexo de lanza reguladora de caudal, diferencia entre baixa e alta presión, tendidos múltiples e manexo da escuma como humectante nas operacións de liquidación. Sobre os lumes de interface, entre outras cuestións avaliarase a defensa pasiva e activa de instalacións. Con respecto ao manexo do lume técnico, abordarase o seu emprego a favor, de flanco e en contra, xunto á xestión de pistas ou devasas con herba seca ou o manexo do lume en arborado, entre outras temáticas. Ao remate das xornadas, que estarán coordinadas por un total de seis formadores, realizarase unha posta en común explicativa do conxunto das manobras.

Condutores de motobomba

No que atinxe aos bombeiros forestais-condutores de motobomba, o curso corresponde á segunda fase de formación práctica para este colectivo, que está composto por 429 profesionais. A primeira parte desta acción formativa desenvolveuse xa ao longo do primeiro semestre de 2021.

Trátase dun curso eminentemente práctico, que se imparte en grupos reducidos (para un máximo de 16 persoas, en dous grupos de oito). Estrutúrase en dous bloques. Por un lado, abórdanse diversas modalidades de carga da cuba, bombeo directo, transvase de auga entre vehículos, proba de presións (negativas e positivas), emprego da escuma na extinción e os seus sistemas de dosificación, e uso das comunicacións por radio dixitais.

Por outra parte, avalíase o manexo de equipos de engraxamento neumático entregados no 2021, os sistemas de autoprotección do camión fronte ao lume e as súas manobras (coñecemento das distintas manobras e control de tempos da súa execución) con exercicio práctico e equipamento das motobombas (con especial atención nos distintos tipos de bombas de impulsión).