Acordo histórico na deputación para destinar 22,8 M€ aos concellos da provincia
Álvaro Vila sinala que “estamos ante un acordo histórico, non só para o PSOE, senón para a toda a provincia, pois teremos un reparto xusto e equitativo de 22,8 millóns, o que dará autonomía financeira aos concellos para afrontar novos retos”.
O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense vén de acadar un acordo “histórico” para un reparto de fondos públicos “xusto e equitativo” entre os concellos da provincia que chegará neste 2024 aos 22,8 millóns de euros. Deste xeito destinaranse 17 millóns de euros a través do plan único de colaboración cos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade menor de Berán e 5,8 millóns a través dunha liña de subvencións nominativas a todos estes concellos, seguindo o criterio de número de habitantes.
Durante a comparecencia ante os medios de comunicación, os e as socialistas anunciaron que “estamos ante un acordo histórico, non só para o PSOE, senón para a toda a provincia, pois teremos un reparto xusto e equitativo de 22,8 millóns, o que dará autonomía financeira aos concellos para afrontar novos retos”. Durante a súa intervención, o voceiro do Grupo Provincial Socialista sinalou tamén que “é bo recordar que fai xusto un ano, na modificación que aprobaba o PP co apoio de DO e da deputada non adscrita, os 15 millóns que se repartían non seguían ningún criterio obxectivo, correspondéndolle un 85% a concellos do PP, un 11% aos do PSOE, un 3% aos do BNG e un 1% a outras formacións, algo que logramos corrixir”.
Dende o PSOE ourensán salientan que este acordo “é froito da negociación levada a cabo polo grupo provincial socialista nos orzamentos de 2024 e nos que posibilitamos a aprobación dos mesmos en base a implantación do tan agardado plan único, que habilitaba unha partida para distribuír de forma equitativa e con criterios obxectivos para todos os concellos unha parte significativa deses orzamentos, sen importar a cor política”. Cabe lembrar que na negociación inicial se destinaban 14 millóns de euros e se comprometían, como mínimo outros 3 millóns nesta próxima modificación de crédito.
O voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila Araújo, salienta que “unha vez coñecida a liquidación e o remanente de tesourería, trasladámoslle ao presidente a necesidade de falar e negociar o incremento desta achega e a incorporación de novas partidas que considerábamos importantes e máis que necesarias”. Neste senso, afirma que “dos 14 millóns iniciais, máis os 3 comprometidos para o plan CooperOU, engádense agora 5,8 millóns máis en subvencións nominativas a todos e cada un dos 91 concellos da provincia e a entidade menor de Berán”.
O criterio para o reparto destas subvencións nominativas irá en función do número de habitantes. Deste xeito, os concellos de menos de 1.000 habitantes percibirán unha contía de 50.000 euros; os concellos entre 1.000 e 5.000, recibirán 60.000; e os de máis de 5.000 habitantes, correspóndenlles 70.000 euros.
“Nestas negociacións tamén consideramos de vital importancia que se incrementase a partida destinada ao plan provincial de estradas”, explica Vila Araújo, que tamén que “apostamos por un plan de choque para frear o deterioro sistemático da rede viaria provincial, conseguindo que se cheguen aos 3 millóns de euros”. Cabe destacar tamén a inclusión dunha nova partida para axudar a aqueles concellos que teñen conservatorios, cunha achega de 200.000 euros. “Entendemos que os conservatorios son responsabilidade da Xunta e debería ser a que os financie, pero namentres isto non ocorre, ten que ser a Deputación a que axude ao seu funcionamento, de aí esta partida, que solicitamos que se incremente nun futuro”, destaca o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense.
Por último, Vila tamén quixo por o foco en que “tamén hai desacordos, especialmente no que se refire a aportación, unha vez máis a Meisa, para pagar débeda e gastos financeiros de exercicios pasados”. Neste senso apunta que a partida que se destina é de 1,4 millóns de euros e que agarda “solucións proximamente, tralos acordos acadados no último pleno, no que se aprobou unha moción socialista que pedía a constitución dunha mesa de traballo cos grupos políticos e entidades para corrixir o funcionamento deste organismo”.