17 quilómetros para coñecer Muíños no “Trail do Xurés”
A segunda edición deste evento deportivo que organiza o Inorde co apoio de Turismo de Galicia, reuniu a preto de 200 participantes que gozaron da beleza natural, termal e paisaxística deste municipio da Baixa Limia.
A segunda edición do “Trail do Xurés”, que organiza o Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, levou a preto de 200 deportistas procedentes de todas as provincias galegas e incluso do norte de Portugal, a lugares emblemáticos do municipio de Muíños a través dos 17 quilómetros de percorrido que ofrecía este evento deportivo. A xerente do Inorde, Emma González, xunto ao alcalde e ao concelleiro de Turismo de Muíños, Plácido Álvarez e Israel León, respectivamente, foron os encargados de cortar a cinta para dar saída á proba no complexo turístico do Corgo.
O "Trail do Xurés" ofreceu un percorrido de 17 quilómetros cun desnivel aproximado de 600 metros “aos participantes -futuros prescriptores de opinión- cun trazado que os levou a coñecer a beleza natural, paisaxística e termal deste enclave da comarca da Baixa Limia, que volverá a ser o escenario, no vindeiro mes de outubro, da proba Gladiator Race que organizamos tamén desde o Inorde”, dixo Emma González.
A promoción do territorio a través do turismo deportivo é “unha das apostas que o goberno provincial está a facer porque Ourense ten demostrado en numerosas ocasións que é un territorio con gran capacidade para acoller eventos de primeiro nivel e, por elo, debemos continuar a traballar nesta liña para lograr que o noso territorio logre o lugar que se merece”, engadiu Emma González.
O "Trail do Xurés" forma parte da "estratexia do Inorde para o desenvolvemento de actividades que teñan capacidade para a atraer a visitantes ao noso entorno rural, iniciativas todas elas que teñan un baixo impacto ecolóxico e que contribúan ao posicionamento turístico da provincia e á vertebración do territorio a partir do ecosistema deportivo”, engadiu a xerente do Inorde.