A Festa do Pan de Cea estrea un roteiro gastronómico polos antigos fornos
A 23ª edición deste evento, único en Galicia de exaltación deste alimento, terá lugar os días 5 e 6 de xullo.
A Festa do Pan de Cea, a cita gastronómica máis importante no eido do pan das que se celebran en Galicia, estrea este ano unha novidosa actividade como é un roteiro gastronómico que percorrerá os antigos fornos, “co obxectivo de unir historia, tradición e gastronomía, as trazas máis características desta festa que leva celebrándose dende o ano 1992 para exaltar este produto”, explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación da 23ª edición da Festa do Pan de Cea, que tivo lugar na Deputación de Ourense.
Rosendo Fernández estivo acompañado polo alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e polo presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez, quen deron a coñecer as actividades previstas para este ano, entre as que destaca a ampliación da festa a dous días -5 e 6 de xullo-, o citado roteiro polos fornos e demostracións de cociña en vivo, a cargo da cociñeira Emma Pinal, que terá lugar na xornada do sábado, día 5.
Música e gastronomía galega de calidade danse cita o vindeiro domingo no campo da Saleta de Cea, unha festa de exaltación na que está prevista que os panadeiros de Cea produzan para a ocasión máis de 2.500 pezas de pan, que acompañarán aos produtos de denominación de orixe que se poderán degustar ao longo de toda a xornada: queixos, lacón, viños, mexilón, pementos e mel. Nesta mesma xornada dominical terá lugar o pregón, a cargo da actriz ourensana Gloria Ferreiro, quen será nomeada “Primeira embaixadora do Pan de Cea”.
Máis dun 70% da produción para exportación
Rosendo Fernández dixo que a Deputación de Ourense “está ao carón desta festa, declarada de interese turístico, un evento que promociona a nosa gastronomía e a nosa cultura e historia e do que xa existen referencias no século XIII”. Pola súa banda, José Luis Valladares e Carlos Rodríguez lembraron que máis do 70% da produción do pan de Cea envíase fóra de Galicia: a Cataluña, País Vasco, Cantabria, Madrid, Valencia, Baleares e mesmo diferentes países de Europa, “unha expansión de mercado que ten como artífices aos panadeiros de Cea, que son os verdadeiros protagonistas desta festa e a quen lle estamos moi agradecidos”, afirmou Valladares.
Tanto o Concello de Cea como a asociación de panadeiros viron nesta festa unha gran oportunidade para a exaltación dun produto único, que anos despois obtería, de xeito case simultáneo, un distintivo de calidade a nivel nacional e europeo. Foi precisamente no ano 2004 cando o “Pan de Cea” consegue ser o primeiro con Indicación Xeográfica Protexida en todo Europa, e dada esta circunstancia constituíuse o Consello Regulador da IXP Pan de Cea.