A Xunta de Galicia marca o obxectivo de duplicar o transporte de mercadorías por ferrocarril no horizonte do ano 2030 grazas ao aproveitamento da incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico europeo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu hoxe a presentación do proxecto da Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028 aos principais portos e operadores loxísticos e empresariais de Galicia, para convidalos a implicarse de forma activa na súa elaboración.
No encontro estiveron presentes os presidentes das Autoridades Portuarias da Coruña, Martín Fernández-Prado; de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña; de Ferrol, Francisco Barea Paz; e de Marín, José Benito Suárez Costa; ademais da directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Begoña Mesejo, entre outros. Ademais, participaron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o vicepresidente da Confederación Galega de Empresarios e presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, entre outros.
Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que Galicia, en alianza con Castela e León e Asturias, conseguiu a incorporación da súa rede ferroviaria ao trazado do Corredor Atlántico de mercadorías e agora cómpre aproveitar as oportunidades de financiamento para acadar unha modernización efectiva das infraestruturas que incremente a nosa competitividade e sitúe Galicia como “porta de entrada das mercadorías” a Europa.
A Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028 busca, precisamente, definir as actuacións necesarias para aproveitar ao máximo a incorporación ao Corredor Atlántico, incrementando área de influencia dos Portos da Comunidade mediante o fomento da multimodalidade do transporte de mercadorías asociado a eles.
Ethel Vázquez sinalou como meta deste proxecto impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal e o conxunto da UE, para conseguir transportar 3 millóns de toneladas máis cada ano por ferrocarril, sendo así máis competitivos e evitando, dese xeito, a emisión de 150.000 toneladas de CO2 cada ano.
A conselleira avanzou que, con este traballo, en xaneiro de 2022 Galicia contará cun “Plan de acción” que presentará ante o Goberno de España, co conxunto de actuacións necesarias para impulsar a modernización da súa rede ferroviaria e incrementar a súa competitividade.
O obxectivo é completar as infraestruturas esenciais no transporte de mercadorías, especialmente a conexión de tren de Punta Langosteira e a Saída Sur de Vigo, ademais de incrementar a colaboración interrexional e entre operadores e de promover incentivos que impulsen o transporte intermodal. O investimento inicialmente estimado para acadar estes obxectivos é de 3.300 M€.