Atxaga, Guasch, Mondelo e Nunes no "Rosalía en Camiño"
Seis poetas farán recitais multilingües en Padrón e Santiago de Compostela
Santiago de Compostela |
O Rosalía en Camiño, as xornadas poéticas multilingües, chega a Santiago con dúas conversas entre poetas peninsulares que terán lugar no claustro do Museo do Pobo Galego.
Propón duas conversas: unha entre os escritores Pol Guasch (Cataluña) e Andrea Nunes, moderada por Chus Pato; e o outra entre o vasco Bernardo Atxaga e a tamén galega Brenda Mondelo, guiada por Anxo Angueira.
Este evento está a celebrar en Santiago e Padrón a súa quinta edición do 6 ao 8 de xuño.
Recital
O sábado pecharase cun recital de todos os poetas participantes e cun espectáculo de poesía, música e imaxe en galego de Asturias dirixido polo poeta Miguel Rodríguez Monteavaro, canda o artista sonoro Andrés Rodrígues e o cineasta Iván Torres.
Ademáis como cada ano, a Fundación Rosalía publica un libro con poemas de cada autor, incluído un texto en diálogo con Rosalía de Castro.
BERNARDO ATXAGA (Asteasu, 1951): Buque insignia da literatura vasca, entre os seus libros, escritos orixinalmente en eúscaro, destacan Obabakoak, O home só ou O fillo do acordeonista. Obtivo multitude de premios ao longo da súa vida: o Nacional de Narrativa, o Grinzane Cavour, Mondelo, o Cesar Pavese de poesía ou o Liber. A súa obra foi levada ao cinema e ao teatro, e pode lerse en 36 linguas, tamén ao galego. É membro da Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia).
ANDREIA C. FARIA (O Porto, 1984): É unha das máis destacadas poetas novas de Portugal: publicou Flúor (Textura Edições, 2013), Um pouco acima do lugar onde melhor se escuta o coração (Edições Artefacto, 2015) e Tão bela como qualquer rapaz (Língua Morta, 2017, Prémio SPA Poesia). En 2019 publicou Alegria para o fim do mundo (Porto Editora, Prémio Literário Fundação Inês de Castro), volume que reúne todos os libros anteriores. Em 2020 publicou o conjunto de prosas Clavicórdio (Língua Morta), em 2022 Canina (Tinta da China, Prémio PEN Clube) e em 2024 Canto do Aumento (Sr. Teste, com desenhos de Rita Roque).
POL GUASCH (Tarragona, 1997): é autor de Napalm al cor (Premio Llibres Anagrama de novela 2021), que se traduciu ao castelán, o inglés, o francés e o alemán, entre outros idiomas: «Un mundo de desexo e supervivencia, o despois da apocalipse marcado por diversas linguas, unha represión difícil de identificar e unha escritura tan misteriosa como bela» (Mariana Enriquez). Escribiu os libros de poemas Tanta gana (Premio Francesc Garriga, 2018) e La part del foc (Premio López-Picó, 2021). No 2022 recibiu o Premio Talento a bordo do Festival Eñe de Madrid e o Premio 42 Revelación en catalán. A súa última novela é Ofert a les mans el paradís crema.
MIGUEL RODRÍGUEZ MONTEAVARO (Boal, Asturias, 1980): é poeta e músico. Escribe orixinalmente en galego e en asturiano. Publicou varios libros de poesía: Trenta razóis pra nun medrar (Trabe, 2010), Todos os tristes de mayo (Trabe, 2013), Poemas pr'amantes e paquidermos (Trabe, 2013), superpoderes (Goberno do Principado de Asturias, Instituto Asturiano da Mocidade, Trabe, 2020) e o bilingüe Oi, que di mamá que volvas/Hey, mom says come back (Goberno do Principado de Asturias, Impronta, 2023). Tamén gañou varios premios como o XIX Premiu de Poesía Padre Galo (2012), Asturias Joven de Poesía (2019) ou o I Premio Ría del Eo de Poesía (2021).
ANDREA NUNES (Marín, 1984): Vinculou desde os seus comezos a actividade poética ao activismo feminista. Corrente de esquecemento (2007) foi o primeiro dos seus libros, editado por Aturuxo (Federación de Asociacións LGBTQ). O seu segundo libro Todas as mulleres que fun (2011) foi finalista nos premios AELG. Escribe o seu último libro, conxuntamente con María Rosendo, Diáspora do amor balea. Traducida a varios idiomas o seu último libro é unha antoloxía bilingüe galego-castelán Esta disidencia que habitamos. Pertence ao colectivo As Candongas do Quirombo e á plataforma de crítica literaria feminista A Sega. Foi profesora en diferentes universidades en China, Italia e Galiza.
BRENDA MONDELO (Pedrafita do Cebreiro, 1994): É graduada en Xornalismo e Ciencia Política. Na súa primeira obra publicada, “O espello de Celia” (Premio Xoán Díaz), conversaba cunha das últimas habitantes da súa aldea. Gañou o (Re)inventando Xela Arias e o Lorenzo Baleirón con ‘Neve’, editado por Chan da Pólvora. Participou tamén na obra colectiva ‘Última poesía crítica. Jóvenes poetas en tiempos de colapso’.