Oferta formativa e orientación educativa

Edugal abre as súas portas este mércores en Pontevedra como o salón educativo de referencia

O Recinto Feiral acolle a 13ª edición dun salón xa consolidado e nacido baixo a vontade do Concello de Pontevedra, e que se celebrará entre o 9 e o 11 de outubro.

Susana Pedreira

Pontevedra |

Edugal abre as súas portas este mércores en Pontevedra como o salón educativo de referencia | Concello de Pontevedra

A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, presentou este luns, 7 de outubro, unha nova edición da feira Edugal, o clásico salón da oferta de educación e formación de Galicia que se desenvolverá entre o 9 e o 11 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra. A 13º edición desta cita procura ser de novo un punto de encontro de estudantes, profesores, orientadores, pais e nais, responsables de centros educativos e profesionais da educación. Tal e como lembrou a vicepresidenta de Aempe e directora da feira, Conchi Pereiro, Edugal pretende posicionarse «como o salón educativo de referencia en Galicia, tratando de dar resposta as necesidades de información sobre a oferta formativa e orientación educativa». Pola súa banda, Gulías sinalou que Edugal é un programa «consolidado» na cidade de Pontevedra, nacido da vontade do Concello de Pontevedra e de Aempe para «falar de cuestións que cremos imprescindíbeis á hora de falar dunha cidade dinámica, viva e onde se favoreza o emprendemento». «Edugal busca ser un punto intermedio para esa xente que busca unha orientación entre os estudos e o mercado laboral», indicou.

Toda a información do salón pode ser consultada na web oficial do evento, así como o número de expositores que se achegarán este ano (sobre sesenta stands). Cómpre sinalar que nesta edición estarán presentes por vez primeira as universidades de Ávila e de Salamanca. Ademais, a intelixencia artificial e a ciberseguridade terán unha presenza destacada na programación do evento.