O Concello de Pontevedra e a AICE cualifican os Feroz celebrados na cidade como un "éxito absoluto"
A retransmisión da gala logrou unha audiencia acumulada de 2,5 millóns de espectadores únicos e máis de 10.000 persoas participaron nas 30 actividades previas organizadas na cidade desde setembro
Pontevedra |
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director de produción dos Premios Feroz, David Carrón, realizaron un balance da recente edición dos galardóns celebrada na cidade. Ambos coincidiron en sinalar o evento como un fito histórico tanto para a cidade como para a propia organización. O rexedor cualificou o resultado de "éxito absoluto desde todos os puntos de vista", destacando que o evento situou a Pontevedra "no mapa da cinematografía e de moitísimas outras cousas".
Pola súa banda, a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) non dubidou en afirmar que esta foi "a edición máis completa da súa historia”. David Carrón desvelou as cifras de audiencia, cualificándoas de moi satisfactorias tanto para a organización como para Televisión Española. A gala obtivo un seguimento de 2,5 millóns de espectadores únicos e unha audiencia media de 438.000 espectadores, o que supón un 4,4% de share. Carrón subliñou que esta cifra é "moi superior ao que adoita ter un sábado pola noite coa súa programación habitual”.
A nivel informativo, a cobertura superou "amplamente" a da edición anterior, cun total de 260 xornalistas cubrindo o evento, entre os 145 acreditados de 77 medios e os 115 informadores membros da asociación. Ademais, a organización destacou o impacto nas redes sociais, con varios momentos da gala convertidos en virais e achegando millóns de reproducións, e o alcalde apuntou que as redes municipais rexistraron a súa cifra maior de visitantes coincidindo co evento.
Máis aló da gala, o balance puxo o foco na programación previa, que a organización considera clave para o éxito desta edición. Segundo os datos achegados, unhas 10.000 persoas acudiron aos 30 eventos realizados desde setembro, incluíndo proxeccións con "un 100% de ocupación”. Carrón destacou que o obxectivo de dialogar co público foi pleno grazas á colaboración con entidades locais como o festival Novos Cinemas, AGAPI, a Academia Galega do Audiovisual, o Colexio de Xornalistas e mesmo actividades no centro penitenciario da Lama e na Uvigo. "O que sucedeu fóra da gala creo que foi moito maior que a gala", afirmou Carrón.
O alcalde Lores incidiu nesta idea, celebrando o "obxectivo conseguido" de que non fose só unha gala, senón que a cidade se implicase. "Foi un salto cualitativo no posicionamento de Pontevedra tanto a nivel local como internacional", asegurou o rexedor, quen se declarou "absolutamente derretido e encantado" coa resposta veciñal e o retorno do evento. A organización quixo poñer en valor que o evento foi "netamente galego", non só pola localización, senón pola industria implicada: desde a escenografía e iluminación ata o persoal técnico e de relacións públicas. Ademais, destacouse o compoñente educativo, coa integración na organización de preto de 200 alumnos de graos de comunicación audiovisual, publicidade, o CIFP Carlos Oroza e a aula de teatro. Tralo éxito colleitado, ambas as partes mostraron a súa disposición a manter os vínculos.
O alcalde confirmou que os Feroz "teñen as portas abertas para todo tipo de actividades de cara ao futuro". Pola súa banda, Carrón, aínda que prudente sobre a repetición inmediata da gala noutra cidade, asegurou que están abertos a "imaxinar outros vínculos de colaboración con Pontevedra", valorando o esforzo comunicativo único realizado polo Concello que integrou os premios no imaxinario local antes sequera de que chegasen.