Medio Ambiente

Xunta e Concello de Carballiño da man nun proxecto de humanización das ruas

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co rexedor deste municipio ourensán, quen lle trasladou algúns dos seus plans en materia urbanística

ondacero.es

Ourense | 31.01.2019 08:02

Angeles vazquez e Francisco José Fumega | xunta de galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión de traballo co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, quen lle trasladou varios asuntos e actuacións de interese para o seu concello en materia urbanística e medioambiental.

Concretamente, o rexedor explicoulle á conselleira que o seu equipo está traballando para levar adiante un proxecto de humanización de rúas co obxectivo de dinamizar a zona de actuación e facilitar a súa integración urbana, para o que solicitou a colaboración da Consellería de Medio Ambiente.

Ángeles Vázquez, pola súa banda, comprometeuse a estudar posibles vías de cooperación co Concello do Carballiño e explicoulle ao rexedor que a Consellería de Medio Ambiente conta con programas de axudas para dar resposta ás necesidades de humanización das vilas de Galicia. Neste sentido, lembrou que a semana pasada saíu publicada no DOG a convocatoria dunha nova orde de axudas, dotada con case 2,5 millóns de euros e destinada, precisamente, á creación ou mellora de infraestruturas urbanas en concellos de menos 50.000 habitantes.