Promocións

Viño, gastronomía, música e artesanía en Espírito Ribeiro

Será os días 22 e 23 de agosto en Cenlle

Paco Sarria

Ourense |

Viño, gastronomía, música e artesanía en Espírito Ribeiro | onda cero ourense

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na presentación do Festival Espírito Ribeiro, que se celebrará en Cenlle os días 22 e 23 de agosto, no Campo do Cabalo, en Laias, no marco dos Concertos do Xacobeo de Turismo de Galicia.

Tras a celebración da pasada edición en Castrelo de Miño, Cenlle toma este ano o relevo antes de que a iniciativa pase á Arnoia en 2027, consolidando unha fórmula de colaboración entre os tres concellos promotores.

González destacou o festival como un exemplo de cooperación territorial e de posta en valor dos recursos propios —na liña da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio– ao combinar o viño da Denominación de Orixe Ribeiro coa gastronomía, a música, a artesanía, os produtos de proximidade, a cultura ou o patrimonio. Neste sentido, salientou a capacidade deste tipo de iniciativas para crear actividade, atraer visitantes e fortalecer o tecido económico local. Ademais, o festival e a propia DO contribúen tamén ao fomento da música e da cultura en lingua galega, reforzando a súa vinculación coa identidade.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración colabora a través da Fundación Artesanía de Galicia co apoio de dous obradoiros gratuítos para iniciar o público nas técnicas da cianotipia e da serigrafía sobre téxtil durante toda a fin de semana, que se sumarán á venda directa que ofrecerán artesás e artesáns adheridos ao selo Artesanía de Galicia e de Artesanía Alimentaria, así como outros produtores agroalimentarios amparados por distintivos de calidade diferenciada co apoio da Consellería do Medio Rural.