ourense |
O grupo municipal socialista di sentirse sorprendido polo ofrecemento do Conselleiro de Comercio, José González, de mediar para a reapertura da Praza de Abastos número 1 de Ourense. Lembran ó conselleiro que xa existe unha comisión de seguimento das obras desta infraestructura e que quen boicoteou este proxecto nos últimos anos foi o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome a quen o PP apoiou.
Para os socialistas resulta "máis difícil" entender que dende o PPdeG e dende a Xunta de Galicia descoñezan a existencia desta comisión e veñan agora de "salvadores", tendo en conta que o grupo municipal do Partido Popular respaldou a finais do ano pasado unha moción moción para a reactivación desta comisión, segundo a voceira Natalia González.
A voceira socialista lembra asemade que "a única mediación que leva feito nos últimos anos o PP foi a de situar por duas veces na Alcaldía da cidade a persoa que bloqueou o proxecto integral da reforma, perdendo polo camiño unha subvención millonaria".