Ourense Cidade

XVI Torneo Nadal de Ximnasia Rítmica e de Trampolín

Competirán 14 clubs e preto de 600 ximnastas entre as modalidades de ximnasia rítmica e de trampolín, desde a base até a categoría absoluta.

Óscar Gómez

Ourense | 30.11.2022 12:21

XVI Torneo Nadal de Ximnasia Rítmica e de Trampolín | La voz de galicia

Por decimo sexto ano consecutivo, Ourense celebra o seu Torneo de Nadal de Ximnasia, que desde 2020 leva o nome de Marosa Salgado, unha das pioneiras desta modalidade na cidade. Será este sábado, 3 de decembro, no Pavillón dos Remedios, coa participación de 14 clubs e 577 ximnastas inscritos entre as modalidades de Rítmica (490) e de Trampolín (87).

O de Ourense é un torneo emblemático dentro da programación deportiva galega do mes de decembro, e trátase dunha competición oficial da Federación Galega de Ximnasia. E é que na modalidade de rítmica estarán presentes todos os conxuntos de nivel absoluto da comunidade, xunto con outros procedentes doutras comunidades (Club Gimnasia Burgos) e mesmo de Portugal (Club Sport Marítimo, de Madeira).

Na modalidade de Trampolín competirán o Club Ximnasia Pavillón Ourense, Escola Pavillón e Escola Municipal de Barbadás. Os exercicios de exhibición, na cancha central dos Remedios en horario de mañá, terán un nexo común a través da temática 'As emocións', nos que os equipos expresarán a través da música e dos movementos corporais as emocións que os acompañan.

Os obxectivos do torneo, porén, van máis aló do deportivo: preténdese crear lazos de amizade entre os deportistas e participantes; ofrecer un espectáculo que motive os ximnastas de nivel escolar e de base; tamén o de ofrecerlles aos conxuntos de máis alto nivel -competición absoluta- a oportunidade de probarse cara á última e máis importante competición do ano, o Campionato Nacional de Conxuntos.

Solidariedade e regalos. Como ocorreu nas últimas edicións, o torneo terá un carácter solidario ao colaborar coa Asociación Amencer na recollida de alimentos. Ademais, durante o desenvolvemento da xornada haberá sorpresas para os asistentes, así como sorteos diversos para animar o ambiente.

Horarios. As competicións dividiranse entre a cancha central e o anexo.

Ximnasia rítmica – Cancha central

  • 11.00 a 11.50 horas. Exhibicións.
  • 11.50 a 13.45 horas. Competición individual masculina e conxuntos nivel absoluto
  • 13.45 horas. Entrega de trofeos.

Trampolín – Cancha anexa

  • 15.30 horas. Competicións nivel escolar e base.
  • 18.00 horas. Entrega de trofeos.