Medio Rural

A Xunta traballa na apertura de novos mercados para o viño galego

José González puxo de relevo a importancia de respaldar dende a Xunta a participación de adegas e consellos reguladores en eventos como este, referenciais para o sector, co obxectivo de seguir mellorando a competitividade e dinamismo dun sector chave para o rural galego.

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta traballa na apertura de novos mercados para o viño galego | onda cero

A Xunta conta por primeira vez en ProWein cun posto propio de 175 metros cadrados, no que está presente unha ampla delegación do sector vitinícola galego co fin de “favorecer a potenciación da marca dos nosos viños, embaixadores de Galicia para todo o mundo”, destacou González, que realizou un percorrido polo espazo de Galicia.

O titular do Medio Rural en funcións remarcou en Düsseldorf a importancia de respaldar dende a Xunta, baixo un paraugas común, a participación dos viños galegos nunha cita de relevancia internacional como ProWein, “un aspecto crucial” para poñer en valor o bo facer dos produtores que, segundo salientou González, “son os verdadeiros responsables de que poidamos estar hoxe aquí”. Ademais, este tipo de iniciativas contribúe a reforzar a presencia internacional das bodegas e variedades vitivinícolas galegas, “que contan cunha calidade excepcional, garantida polo gran esforzo e traballo que realizan os nosos produtores e os consellos reguladores”.

González incidiu nas oportunidades que se abren para o sector do viño galego a través de eventos como este, que facilitan establecer novos diálogos comerciais entre produtores e operadores, para o que a Xunta facilita apoio técnico ademais de desenvolver un intenso programa de actividades para os profesionais que acudan a ProWein.

Precisamente, o titular de Medio Rural en funcións avanzou que esta mesma semana o Consello da Xunta avaliará o Plan de promoción dos produtos alimentarios de calidade diferenciada de 2024 da Consellería, que ten entre os seus obxectivos a presenza en eventos como o de ProWein, a feira máis importante no sector e na que participan máis de 50.000 profesionais do viño e as bebidas espirituosas de todo o mundo, con 5.700 expositores de 60 países.

“A nosa aposta pola calidade diferenciada dos nosos produtos, pola Marca Galicia, é moi potente, e plásmase con feitos e con fitos. Este é un camiño no que xa viñemos traballando nos últimos anos, que cobrou un novo pulo en 2023 e que nos vindeiros meses seguiremos avanzando, apoiados nun ambicioso plan anual de promoción”, remarcou José González.

A Xunta traballa na apertura de novos mercados para o viño galego | onda cero

Actividades no “stand” de Galicia

No día de hoxe comezan as actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria en ProWein, que se desenvolver ata o martes co fin de reforzar a repercusión comercial da presenza galega nesta feira, incluíndo visitas guiadas polo espazo de Galicia dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalería, distribución e xornalismo. No percorrido enogastronómico amosarase a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas que caracterizan e definen a calidade dos viños galegos.

O “stand” da Xunta tamén conta cun Túnel do Viño, coa presenza das 32 referencias premiadas cos acios nas Catas de Galicia 2023. O espazo está atendido ao longo dos tres días da feira internacional polo sumiller Alejandro Paadín e os participantes nesta iniciativa poderán degustar estes viños en maridaxe con outros produtos galegos con selos de calidade diferenciada.

Ademais, dentro da aposta por seguir reforzando a Galicia como destino enoturístico, os asistentes poderán coñecer os proxectos deste tipo presentados por bodegas galegas, ademais das rutas do viño lideradas polos diferentes consellos reguladores.

Compromiso do Goberno autonómico

O titular do Medio Rural en funcións asegurou que o sector vitivinícola é unha “absoluta prioridade” para a Xunta de Galicia, xa que se configura como un referente produtivo no rural e como un dos piares da economía da comunidade, dando emprego a máis de 10.000 produtores en 500 adegas.

A aposta por este eido produtivo susténtase en medidas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, coa que se están a reforzar todas as dimensións do sector -económica, territorial, turística, patrimonial e paisaxística-; ou as diferentes liñas de achegas deseñadas para o sector, co fin de seguir afondando na comercialización e promoción de produtos vitivinícolas.

Outra das pancas de acción deseñadas pola Xunta de Galicia é a Lei da calidade alimentaria, que entrou en vigor o pasado mes de febreiro, e que ten como fin reforzar a aposta do Goberno autonómico a prol da excelencia, a sustentabilidade e a promoción das producións primarias da nosa comunidade, incluído o viño.