A Xunta reivindica a loita contra a violencia de xénero no rural
A Xunta conta con programas para potencial o liderado das mulleres rurais e a súa incorporación ás estruturas de decisión. A secretaria xeral aproveitou a súa presencia na Arnoia para reivindicar o compromiso da Xunta por un rural que aposte pola igualdade.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe no Balneario da Arnoia as xornadas formativas para directivas de asociacións de mulleres, organizadas pola federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro), onde resaltou a aposta da Xunta polo traballo en rede feminino, nomeadamente no rural, para a prevención da violencia de xénero e a implantación de medidas a prol da igualdade real e efectiva.
A secretaria xeral aproveitou a súa presencia na Arnoia para reivindicar o compromiso da Xunta por un rural que aposte pola igualdade de oportunidades no que se recoñeza o talento e o liderado da muller. Subliñou que a muller nestas contornas ten un rol moi relevante para asentar os seus proxectos empresariais e vitais.
As mulleres galegas son exemplo de superación e constitúen un dos piares que sosteñen a identidade galega, defendeu López Abella, quen animou a reivindicar estas contornas colaborando, como está a facer a Xunta, cos movementos comprometidos co rural galego e que loitan polos seus intereses día a día.
Entre as actuacións que ten en marcha a Xunta para dar visibilidade e dignificar o papel feminino no medio rural destacan o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que avoga pola redución da fenda dixital de xénero e por apoiar o liderado das mulleres rurais e a súa incorporación ás estruturas de decisións dos sectores agrarios e pesqueiros.
O programa de Emega, cuxa última convocatoria saíu publicada onte no DOG, impulsará, pola súa banda, neste 2021 os proxectos de 234 mulleres emprendedoras, moitas delas radicadas no rural para potenciar o emprendemento feminino. López Abella lembrou a importancia desta iniciativa, que celebra os seus primeiros 25 anos, na consolidación do emprego feminino e no fomento das empresas lideradas por mulleres.
López Abella incidiu, por outra banda, na forte implantación de Femuro na provincia de Ourense, con máis de 60 entidades de mulleres rurais asociadas, e a súa “experiencia e traballo no ámbito da conciliación, corresponsabilidade e na prevención e sensibilización contra a violencia machista”. Esta labor o que lle imprime unha base social ampla e variada e se traduce en miles de mulleres beneficiarias das súas actividades fíxoa merecedora dunha das medallas Pardo Bazán na súa edición do ano 20, recordou.