Infraestructuras

A Xunta presenta o proxecto de mellora da OU-540 entre Celanova e norte de Portugal

A intervención será máis intensa no treito entre Celanova e Bande, o de maior tráfico, cuns 2.600 vehículos ao día, onde se prevén carrís adicionais, ademais de sendas peonís nos núcleos de Carballo e de Agrelo, en Verea

Óscar Gómez

Ourense | 15.03.2022 08:02

A Xunta presenta o proxecto de mellora da OU-540 entre Celanova e norte de Portugal | onda cero

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou o proxecto de mellora da estrada OU-540 entre Lobios e a fronteira con Portugal, que suporá un investimento da Xunta de 10,3 millóns de euros.

Coa intervención, mellorarán tanto a vertebración interior da comarca da Baixa Limia, como as súas conexións con Celanova e a cidade Ourense, ademais da conexión con Portugal, a través da Madalena.

Nun acto celebrado en Lobios, a conselleira presentou aos veciños, aos alcaldes e representantes dos concellos o detalle das actuacións proxectadas no treito de 42 quilómetros que separa a saída da autovía en Celanova ás inmediacións da ponte do Lindoso, co fin de incrementar a seguridade, a capacidade e a funcionalidade desta estrada autonómica.

Informou que a información pública que hoxe se inicia do proxecto de trazado do acondicionamento da OU-540 ten efectos expropiatorios, sendo un total de 221 as fincas afectadas pola intervención, e inclúe o trámite ambiental, que se realizará mediante avaliación ambiental simplificada. Desta forma iníciase o prazo para que os interesados que o desexen poidan trasladar as súas consideracións ata o vindeiro 27 de abril.

Segundo concretou a conselleira, o obxectivo da Xunta é aprobar o proxecto do trazado no verán, avanzando de forma paralela nos proxectos construtivos dos 4 treitos nos que se dividirá a actuación, co fin de licitar obras xa a comezos de 2023.

Detalle das actuacións

Ethel Vázquez destacou que as ambiciosas intervencións proxectadas pola Xunta nesta infraestrutura estratéxica de vertebración de toda a comarca da Baixa Limia dan resposta á solicitude trasladada polos concellos, e incrementarán as potencialidades de todo este territorio, cun atractivo paisaxístico natural como é o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e os seu importantes recursos termais.

O proxecto prevé ampliar a capacidade e a funcionalidade da estrada autonómica OU-540, sumando un total de 13 km con terceiro carril de adiantamento, isto é o 31,5% do percorrido, o que favorecerá de xeito considerable a circulación.

Ademais, melloraranse e redeseñaranse 11 interseccións, e reordenaranse xiros á esquerda, para favorecer o cruce da estrada e os distintos movementos en condicións de maior seguridade.

Estas actuacións completaranse coa mellora do firme alí onde sexa necesario para garantir as condicións da estrada e con actuacións de limpeza e despexe das marxes, para favorecer a visibilidade. Tamén se executarán cunetas de seguridade, incrementando o ancho útil da plataforma da estrada e facendo que sexa facilmente rebasable en caso de necesidade.

Actuacións entre Celanova e Bande

Ethel Vázquez sinalou que as actuacións estarán centradas en catro treitos diferentes, para os que se tivo en conta o tráfico da vía, que vai os 2.600 vehículos ao día entre Celanova e Bande; e menos de 700 nos treitos próximos á fronteira con Portugal.

A intervención de maior alcance será no treito entre Celanova e Bande, incluíndo a execución dun carril adicional na marxe dereita da estrada, ao seu paso por Verea, de case 2,5 km. Tamén se prevé un carril adicional na marxe esquerda da vía, ao paso polo termo municipal de Bande, de 1,1 km. Xunto con isto, o proxecto recolle a mellora de interseccións, como é o caso dunha prevista en Bande norte, así como a execución de sendas peonís para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños nos núcleos de Carballo e de Agrelo, en Verea.

Dificultades para investir nas comunicacións do rural

A conselleira puxo en valor o impulso por parte do Goberno galego de actuacións que contribúan ao equilibrio territorial, fomentando investimentos que redunden nunha maior accesibilidade e en mellores condicións de mobilidade para os veciños do interior.

Fronte a isto, lamentou que o anteproxecto de Lei de mobilidade sostible presentada recentemente polo Ministerio de Transportes leve aparelladas maiores dificultades para investir nas infraestruturas do medio rural.

Ademais, a conselleira lamentou o bloqueo que o Goberno de España non atendese á demanda da Xunta de fondos Next Generation de Mobilidade para impulsar proxectos de mellora da conectividade do rural. Isto, subliñou, deixou, cos criterios que impuxo, fóra da liña de reparto destes fondos actuacións importantísimas de mellora da mobilidade do rural.

A ese respecto, sinalou a falta de coherencia dos representantes do PSdeG que rexeitaron unirse á Xunta na declaración institucional que demandou un cambio nos criterios de reparto deses fondos europeos extraordinarios para poder beneficiar o rural e, sen embargo, agora reclaman unha mellora das comunicacións interiores en Ourense.

Ademais, lembrou que a execución dunha nova conexión en alta capacidade entre Galicia e o norte de Portugal é unha iniciativa que, pola súa natureza de transfronteiriza, debería ser impulsada polo goberno de ambos os dous países.