O proxecto, que conta cunha axuda de 10.000 euros por parte da Xunta ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, desenvolverase desde hoxe e ata o vindeiro mes de setembro. O seu obxectivo é potenciar os valores culturais e naturais de Castro Caldelas, co castelo como protagonista, ao tempo que pon en valor o Camiño de Inverno, que é o itinerario do Camiño de Santiago máis próximo a Castro Caldelas.
Este vencello do concello co Camiño como eixe vertebrador das distintas actividades propostas, foi o aspecto que destacou Nava Castro na súa intervención, na que puxo en valor os documentos recentemente achados que falan do Mosteiro de Camba como albergue de peregrinos.
Un castelo no Camiño comezou hoxe coa representación do espectáculo teatral Suaren Bataila no propio castelo de Castro Caldelas. Un punto de partida ao que seguirán un bo feixe de actividades que inclúen roteiros, citas gastronómicas, actividades lúdicas ou exposicións, tal e como destacou no acto a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.
Nesta segunda edición do programa O Teu Xacobeo, coa que se busca impulsar un Xacobeo espallado e integrador, desenvolveranse un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo destinando un investimento de case 3.3 millóns de euros. Na provincia de Ourense en concreto investiranse 123.000 euros para o desenvolvemento de 12 proxectos noutros tantos concellos.