A Xunta impulsa a produción das catro denominacions de orixe do viño galegas
Inés Santé lembrou que xa se están tramitando polígonos agroforestais para aumentar o cultivo de viñedo amparado polas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei, e que este potencial se podería trasladar tamén ás IXP vitícolas.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para impulsar a produción das catro indicacións xeográficas protexidas do viño galegas. Foi na segunda xornada divulgativa que se celebra esta semana dentro do proxecto de cooperación “Viños das IXP de Galicia”, que recibiu unha axuda da medida Leader de preto de 90.000 euros para darlle un pulo ás indicacións vitícolas Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense.
Na súa intervención, Inés Santé lembrou que xa se están tramitando polígonos agroforestais en Crecente, Leiro e Monterrei para aumentar o cultivo de viñedo amparado polas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei, respectivamente. A maiores, están xa delimitados outros polígonos que tamén poderían ter entre os seus usos idóneos a plantación de vides, en localidades como Larouco ou Castrelo de Miño.
Nese senso, a directora xeral animou ás IXP vitícolas a aproveitar o potencial que ofrece a Lei de recuperación -que vén de cumprir o seu primeiro ano en vigor-, tamén a través doutras figuras de posta en valor como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta. Todo para, segundo resaltou, impulsar estas producións de calidade e aumentar as súas posibilidades no mercado.
Ao tempo, Santé tamén enxalzou o traballo colaborativo que se está a plasmar neste proxecto de cooperación “Viños das IXP de Galicia”, recordando que están implicados nel seis grupos de desenvolvemento rural coordinados polo GDR Pontevedra-Morrazo e 15 adegas. Este proxecto -que desenvolveu onte en Valga a súa primeira xornada divulgativa desta semana, coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos- continuará este sábado 28 con máis actos. Concretamente co Túnel do viño que se despregará no Pazo de Goiáns, en Boiro, para dar a coñecer o produto das catro indicacións xeográficas protexidas vitícolas galegas.
Apoio da Xunta
A iniciativa liderada polo grupo de desenvolvemento rural Pontevedra-Morrazo foi presentada no marco da convocatoria de proxectos de cooperación da medida Leader que se resolveu o ano pasado, coa concesión dun orzamento total próximo aos 500.000 euros, dos que case 90.000 euros foron para esta iniciativa concreta. No proxecto participan, ademais do GDR Pontevedra-Morrazo, os grupos Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia), así como 15 adegas das catro IXP de viños de Galicia.
Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as IXP, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.