Artesanía

A Xunta impulsa a comercialización da artesanía de Galicia en Estocolmo

A Fundación Artesanía de Galicia participa ata o xoves na feira internacional Formex cunha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea que reúne o traballo de 27 obradoiros artesanais.

Óscar Gómez

Ourense |

A Xunta impulsa a comercialización da artesanía de Galicia en Estocolmo | onda cero

A Xunta impulsa un ano máis a comercialización da Artesanía de Galicia no mercado internacional a través da participación nunha nova edición da feira profesional Formex, que se celebra en Estocolmo (Suecia) entre hoxe e o xoves 18 de xaneiro. A través da Fundación Artesanía de Galicia, preséntase unha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea na que participan 27 obradoiros artesanais especializados en diferentes oficios.

Durante catro días pódese ver na capital sueca unha selección de olería tradicional de Buño e de Gundivós, así como de olería contemporánea, pezas de cestería, cerámica, madeira, pedra, tecido, coiro, bordado contemporáneo, así como coitelos e figuras tradicionais elaboradas con miga de pan.

As pezas que conforman a colección que se presenta neste evento de referencia no mercado nórdico forman tamén parte dun catálogo profesional de produtos destinado a tendas, distribuidores, interioristas e prescritores internacionais do sector da decoración.

Os obradoiros que participan na edición deste ano son os oleiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Alfarería Rulo, Obradoiro Gorín e Alfarería Lista; o de olería tradicional de Gundivós (Sober) Rectoral de Gundivós; os ceramistas da Coruña Víctor Ares, Arobe Cerámica e Susana Anta Cerámica Contemporánea; as de Vigo Misoco, Peixe Nero e a Casa Rodante; Cerámica Unzueta (Brión); Mar Barral (Catoira); Laura Delgado Cerámica (Cambre); Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín); e a ceramista de Lugo Ceniza de papel.

O catálogo complétase coas pezas de cestería de La Parabólica. Julia de la Cal (O Porriño), O carabel ecocestos (Ferrol) e Cestería Antonio Suárez (Vigo); as de madeira elaboradas polos obradoiros Armaior (Quiroga), Carballo Estrela (Pontevedra) e os talleres da Estrada Atalanta Madera e Ferradáns; as pezas de pedra de GSC Petrum (Cuntis); as de tecido elaboradas por Pal.lium (Cangas); as de coiro de Elena Ferro (Vila de Cruces); os bordados de Variopinto (Santiago de Compostela) e os sanandresiños de Jorge Bellón (Cedeira).

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde o ano 2013.