Ourense Cidade

A Xunta gaba a labor da escola de arte Antonio Faílde

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe nas III Xornadas CREA de Arte e Deseño.

Óscar Gómez

Ourense | 25.04.2023 08:00

A Xunta gaba a labor da escola de arte Antonio Faílde | onda cero

Ata o vindeiro mércores, estas terceiras xornadas visibilizarán as actividades e a oferta formativa da Antonio Faílde na súa contorna social, cultural e produtiva, ofrecendo tanto palestras de antigo alumnado como conferencias de prestixiosos profesionais das artes aplicadas e do deseño premiados a nivel nacional e internacional. Nesta edición destacan os relatorios do pintor e ilustrador Fernando Vicente, do deseñador gráfico Manuel Estrada, do director de cine Jaime Rosales ou do interiorista e deseñador industrial Francesc Rifé.

O delegado territorial participou na inauguración da exposición Peles de 7”, que aúna deseño gráfico, ilustración e tatuaxe da man dun exalumno do centro, hoxe tatuador profesional. Así mesmo, no marco deste evento, a directora xeral participou esta tarde na presentación do anuario da Escola, unha publicación con 14 anos de traxectoria con artigos de profesionais de prestixio e traballos finais de alumnado, e na entrega dos Premios de Dinamización Lingüística aos mellores Traballos Finais de Estudos.

Creada en 1986, a Antonio Faílde é unha das catro escolas de arte e superiores de deseño de Galicia. Nestes momentos imparte os ciclos formativos de grao superior en Fotografía, en Ilustración e en Ebanistería Artística, así como as ensinanzas artísticas superiores de Deseño de Interiores e de Deseño Gráfico, unha oferta coa que prové de profesionais a ámbitos da actividade socioeconómica local como a industria da moda, a vitivinícola e a industria auxiliar da construción, deseño do moble e reformas, entre outros.

Aínda que a meirande parte do alumnado proceden da provincia de Ourense, a escola tamén atrae estudantes de zonas como Vigo e a área costeira da provincia de Pontevedra, así como da comunidade de Castela e León.