Ourense Provincia

A Xunta financia con case 1,3 millóns de euros programas de inclusión social

Con esta achega, as administracións locais poderán levar a cabo programas que permitan a adquisición de formación básica ou laboral, a realización de actuacións de mediación intercultural ou programas de educación e apoio familiar.

Óscar Gómez

Ourense | 09.12.2021 09:12

A Xunta financia con case 1,3 millóns de euros programas de inclusión social | onda cero

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, informou que a Xunta financia con 1.294.144,03 euros programas de atención a persoas en risco ou situación de vulnerabilidade que desenvolverán 18 corporacións municipais. Estas achegas concédense ao abeiro da orde de axudas de inclusión social para o período 2021-2023.

O delegado territorial explicou que a través desta orde de axuda, os entes locais sufragarán programas que permitirán a adquisición de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; a realización de actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial, e programas de educación e apoio familiar.

Deste xeito, Gabriel Alén subliñou que o Goberno galego incrementou en 600.000 euros a contía adxudicada desta orde con respecto á pasada convocatoria. Ademais, tamén aumentou o período para levar a cabo os programas subvencionados de 20 a 22 meses. Ampliar este período permite que os proxectos teñan maior estabilidade financeira e poidan ter marxe para ser máis ambiciosos.

Así mesmo, por segunda vez, inclúese un programa específico para atención ás persoas sen fogar, na liña do Plan pioneiro que ten en marcha a Xunta de Galicia para axudar a este colectivo a superar a súa situación.