O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu á XXV edición do concurso-exposición de gando bovino no concello de Castro Caldelas, onde participaron fundamentalmente animais das razas caldelá, vianesa e rubia galega. Alí, o conselleiro destacou o compromiso do Goberno galego pola conservación das razas autóctonas de Galicia e lembrou que a Consellería do Medio Rural lanza anualmente unha liña de axudas precisamente para fomentar estas razas propias.
Neste senso, o departamento que dirixe José González repartiu este ano un total de 200.000 euros entre 10 asociacións de criadores da nosa comunidade, co fin de aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Ademais, tamén se busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e da calidade neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas, dos pastos e para a prevención de incendios forestais.
En concreto, outorgóuselles subvención ás asociacións de criadores das razas bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. Así mesmo, concedéuselles axuda ás asociacións de criadores do cabalo de Pura Raza Galega, do Porco Celta, da raza Ovella Galega e da raza Cabra Galega, así como á de avicultores da raza Galiña de Mos.
Cabe lembrar que os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega.