Violencia de xénero

A Xunta convoca axudas para víctimas de violencia de xénero

As achegas van dos 200 aos 800 euros mensuais por un máximo dun ano, con atención aos ingresos, menores ao cargo e condicións de discapacidade.

Óscar Gómez

Ourense | 03.01.2023 09:59

A Xunta convoca axudas para víctimas de violencia de xénero | La Voz de Galicia

O Diario Oficial de Galicia https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230103/AnuncioG0656-161222-0006_gl.html publica a convocatoria coa que seguirá a apoiar a independencia económica das vítimas da violencia de xénero con pagamentos mensuais de ata 800 euros. A Xunta activa así as axudas ás que destinará 5,6 millóns de euros de fondos autonómicos -cifra ampliable en función das necesidades- para facer fronte durante 2023 e 2024 a estes pagos periódicos.

Galicia segue a ser unha comunidade referente por ser a única que ofrece estes apoios que resultan fundamentais para que as mulleres avancen na súa recuperación. As axudas teñen o prazo aberto de xeito permanente, co que poden solicitarse polas interesadas en calquera momento do ano.

A convocatoria diríxese a mulleres maiores de idade ou emancipadas que sexan vítimas de violencia de xénero ou vítimas vicarias nunha relación de convivencia ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia respecto da persoa que mantivera sobre ela unha relación de dominación.

Como requisito, precisamente, a convivencia co agresor ten que ter rematado nos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude. Ademais de estar empadroadas e ter residencia efectiva na Comunidade -ou permiso de residencia, no caso das mulleres estranxeiras- deberán acreditar ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente e non ter percibido esta axuda con anterioridade.

A axuda consiste nun pagamento mensual directo para a beneficiaria que se concederá por un máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade pode oscilar entre os 200 euros e os 800, contía baremable en función dos ingresos da perceptora, das fillas ou fillos menores (ou menores en acollida) que teña ao seu cargo e doutras circunstancias como as condicións de discapacidade.

Entre 2009 e 2022 o Goberno galego mobilizou cerca de 40 millóns de euros a estas achegas mensuais. Desde o bienio 2009-2010 o Goberno galego cuadriplicou a contía destinada a esta finalidade ao pasar dos 1,4 millóns aos 5,6 da presente convocatoria. O número de beneficiarias nestes 14 anos achegouse ás 6.000 persoas.

As axudas periódicas constitúen unha das principais ferramentas coas que o Goberno galego presta apoio ás vítimas da violencia de xénero, que contan con outras tres liñas complementarias, como as axudas de pago único -dirixidas ás mulleres con dificultades na busca de emprego-; as de indemnización -que garanten que perciban as contías que lles corresponden por resolución xudicial-; e as destinadas de xeito específico a mulleres gravemente feridas, orfos/as e a vítimas da violencia vicaria.