Día do libro

A Xunta celebra o día do libro nos hospitais públicos de Ourense

Anxo M. Lorenzo, e Santiago Camba, presentaron no Hospital Universitario de Ourense as diferentes iniciativas organizadas para promover a lectura entre os pacientes no marco da humanización da asistencia.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Xunta celebra o día do libro nos hospitais públicos de Ourense | Xunta de galicia

A acción, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa agrupación provincial de libreiros de Ourense, busca fomentar a lectura como vía de acompañamento e evasión nas contornas hospitalarias. No marco desta acción simbólica, doáronse ao hospital marcapáxinas conmemorativos do Día do Libro que mañá recibirán na súa bandexa do almorzo os pacientes ingresados nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras. Estes materiais tamén estarán dispoñibles nas casetas e librarías da cidade durante a Feira do Libro, que chegará a Ourense o 18 de xuño.

Durante a presentación, Anxo M. Lorenzo salientou que “a lectura é unha ferramenta fundamental de benestar persoal, tamén en contextos tan sensibles como o hospitalario”. “Con esta iniciativa, reforzamos o compromiso da Xunta por achegar a cultura a todos os espazos, e facémolo da man dos libreiros e das entidades sanitarias que coidan da nosa cidadanía”, engadiu.

Pola súa banda, o xerente desta área sanitaria, José Santiago Camba, destacou o valor dun libro para transformar espazos clínicos en lugares máis humanos. Xa que “cando a dor ou a incerteza nos visitan, a lectura convértese nunha terapia silenciosa. Non substitúe os medicamentos nin a atención médica, pero acompaña”. O doutor Camba agradeceu o traballo do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización coa colaboración das asociacións, voluntarios e entidades que fan posible ter libros “a pé de cama”.