A Xunta avoga en Allariz por unha ciencia en igualdade
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no programa Nin + Nin -, iguais, un proxecto para promover a igualdade de xénero no ámbito educativo e favorecer o encontro con mulleres líderes
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou en Allariz no programa Nin + Nin -, iguais, un proxecto que arrancou no ano 2018 para promover a igualdade de xénero no ámbito educativo e favorecer o encontro con mulleres singulares líderes nos seus respectivos sectores, como a ciencia ou rural, para que o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) coñeza e teña referentes femininos en sectores laborais onde actualmente non existe paridade de xénero. A iniciativa estivo hoxe dirixida ao alumnado do IES de Allariz, un acto no que López Abella avogou “por unha ciencia en igualdade de oportunidades que sexa sinónimo de máis oportunidades laborais e que aposte polo talento galego”.
López Abella destacou o traballo da Xunta para consolidar o enfoque de xénero e fomentar a incorporación e promoción profesional das mulleres nos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Neste senso, puxo en valor a Unidade Muller e Ciencia, o órgano onde se aprobou o pasado ano o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que está a executar o Goberno galego e que, cunha dotación de 45 millóns de euros, ten como obxectivo incorporar 600 mulleres ao eido investigador e outras 30 a postos de carácter directivo.
A Unidade Muller e Ciencia é a promotora de Nin + Nin -, iguais no que participaron xa preto de 2.000 alumnas e alumnos da ESO e 80 docentes de 17 institutos galegos nas dúas primeiras edicións. O reto da iniciativa é concienciar ao alumnado de que cada persoa pode ser o que queira ser, sen importar o xénero. Neste curso están a tomar parte no proxecto trece institutos de doce concellos galegos, como é o caso do IES de Allariz.
O acto contou coa asistencia de Elena Vázquez Cendón, experta da Unidade de Muller e Ciencia e galardoada en 2022 co Premio María Josefa Wonenburguer co que a Xunta recoñece desde 2017 a mulleres galegas pioneiras e referentes na ciencia e na tecnoloxía para facer chegar á sociedade as súas contribucións. A matemática e investigadora Elena Vázquez Cendón, destaca polo seu labor pola vocación e vontade de resolver problemas cotiáns para mellorar a vida.